A estatua de Xoán Montes

Estes días en Lugo pídense firmas para que a estatua de Xoan Montes volva á casa, desde a actual situación nos xardíns de San Roque ata a praza de Santo Domingo, donde estivo situada moito tempo, precisamente moi preto do lugar onde o insigne músico viviu.

Unha cidade tamén se constrúe coas estatuas das súas figuras máis senlleiras, e as que Lugo ten son moi importantes para esa lembranza, moitas vinculadas coa vida ou actividade do persoeiro representado. E por iso na Praza do Rei, á entrada vindo de Madrid, está a escultura de homenaxe a Antonio Gandoy, coñecido como O Cura da Bicicleta, que por alí subía ata o centro da cidade; e a de Anxel Fole, na praza de Angel Fernández Gómez, lugar de paso no seu percorrer pola cidade; a de don José Castiñeira, na nova praza do Seminario, do que foi Rector; ou Purificación de Cora na rúa do Progreso, diante do edificio onde estivo o xornal. E naturalmente, no fondo da Praza Maior, unha estatua onde aparece Augusto sostendo, xunto a Paulo Fabio Máximo, o documento da Fundación da cidade, na praza que se supón tamén era principal nos tempos de Roma.

Pois Xoan Montes foi moi grande para Lugo e para Galicia:  foi músico xenial, pianista no Círculo das Artes, organista na Catedral de Lugo, primeiro director da Banda Municipal de Lugo e fundador do primeiro Orfeón Lucense, que logo sería Orfeón Galego, e tivo unha traxectoria triunfal.

Ao busto de Montes levárono de Santo Domingo cando se reestructurou a súa xeografía urbana, e agora un movemento popular pide a súa volta a donde inicialmente se situou, preto da súa casa e en céntrico lugar que facilite a súa lembranza.

Hai numerosas solicitudes individuais pedindo que a estatua de Xoan Montes volva ao seu lugar de sempre. E colectivas, das que a penúltima polo de agora foi a da Asociación de empresarios de Lugo Monumental, e a última, a formulada polo Orfeón Lucense, o coro da Catedral de Lugo, refundado ao comezo dos anos oitenta por Castiñeira, e que –unindo varias agrupacións corais lucenses- así o bautizou en memoria e homenaxe daquel histórico coro e do seu creador.

Dito queda: Que volva Xoán Montes á praza de Santo Domingo!.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com