A cita contará cunha andaina de dous quilómetros e unha carreira de catro, ambas sen carácter competitivo. A participación terá un prezo simbólico de cinco euros.
ASPNAIS celebrará en Lugo a segunda edición da súa Holi Run, unha iniciativa aberta a todas as idades coa que a entidade busca promover a convivencia, a inclusión social e a superación das barreiras arredor da discapacidade.
Tras o éxito da primeira convocatoria, a organización confía en consolidar esta proba como unha gran festa para toda a cidadanía lucense. A actividade non terá carácter competitivo, xa que o seu principal obxectivo será gozar en familia e dar visibilidade á inclusión.
Para facilitar a participación de persoas de diferentes idades e condicións físicas, o programa ofrecerá dúas modalidades. A andaina terá un percorrido de dous quilómetros, pensado para completar a un ritmo tranquilo, mentres que a carreira constará de catro quilómetros, distribuídos en dúas voltas ao mesmo circuíto.
O punto de encontro, saída e chegada estará situado nas instalacións de ASPNAIS, na rúa Santiago número 7. As portas abrirán ás 17.30 horas para realizar o quecemento previo e a saída oficial terá lugar ás 18.30 horas.
Participación por cinco euros
As entradas xa están á venda por un donativo simbólico de cinco euros. Poden adquirirse presencialmente nas instalacións de ASPNAIS e no bar Pasarela.
O itinerario partirá da rúa Santiago e pasará pola Ronda da Muralla, a Porta de Santiago, a praza de Santa María, a Praza Maior, a Casa do Concello, Bispo Aguirre, a rúa Vilalba, a avenida Rodríguez Mourelo, a praza de Avilés e o parque de Rosalía de Castro.
Desde alí, os participantes dirixiranse cara a Pascual Veiga e continuarán pola rúa Frei Plácido Lemos ata chegar de novo ao centro de ASPNAIS. Neste punto concluirá a andaina, mentres que os participantes na carreira iniciarán unha segunda volta ao mesmo circuíto.
A organización agradeceu o apoio do Concello de Lugo e das empresas patrocinadoras Gadis Supermercados, Caixa Rural, Vendinglucus, Pasarela Lugo, Maderas Besteiro, Lugomotor, Albino López Distribuciones, Benferreiro, Restaurante Vinoteca Lubre, Extinsar e Comercial Casal.






