" />

A oposición critica que Méndez presente os Orzamentos á prensa antes que aos grupos

Como era de esperar, a presentación do proxecto dos Orzamentos 2019 do Concello de Lugo ante a prensa antes dunha negociación cos grupos non gustou á oposición. Así, Lugonovo cualificaba de “pantomima” este acto da alcaldesa. A voceira da agrupación, Cristina Pérez, considerou a presentación como “electoral e publicitaria” e augurou que podería “quedar reducida a fume”. Ademáis criticou duramente a “falta de respecto institucional” da rexedora que non trasladou á oposición “nin un avance do documento”.

“Hoxe, tamén a nós, nos gustaría poder estar falando das partidas económicas que contempla este presuposto, dos proxectos e das inversións que inclúe pero non podemos porque non as coñecemos. Unha circunstancia que pon de manifesto, por unha banda, a escasa consideración que este executivo ten para coa maioría da cidadanía, que – cómpre lembrar – foi xusto a que non os votou e, pola outra, que volverán recorrer á mesma manobra que o ano anterior: culpabilizar ao resto dos grupos da Corporación para tratar de xustificar así a súa incapacidade de xestión”, di Pérez Herráiz.

“Se a señora Méndez tivera previsto executar estes orzamentos o texto tiña que estar xa sobre a mesa de todos os partidos hai bastante tempo. Concretamente dende o pasado setembro, permitindo así que o procedemento se axústase aos prazos estipulados con vistas a entrar en vigor o 1 de xaneiro”, advirte a candidata de Lugonovo ás próximas eleccións municipais.

“Sen embargo – lamenta Cristina Pérez – despois de tres intentos, este goberno segue instalado na arrogancia e sen compasarse aos requirimentos que conleva o proceso de tramitación e que pasan, ademais de polo diálogo, por un percorrido de emendas, debate e aprobación, exposición pública e resposta a posibles alegacións que poden demorar a súa aplicación, cando menos, un trimestre. Presentalos agora, a mediados de febreiro e con estas formas, non é máis que a evidencia máis descarada da súa soberbia como dirixentes políticos e de que non teñen intención real de que prosperen”, conclúe a portavoz de Lugonovo.

E de arrogancia e soberbia tamén falou hoxe Antonio Ameijide. O voceiro do Partido Popular denunciou a “falta de diálogo” de Lara Méndez para negociar os orzamentos e explicou que “o pouco que saben do proxecto” é polas declaracións da alcaldesa que recollen os medios de comunicación, un feito que, segundo o popular, augura que a rexedora “está xa de retirada”.

“Lara Méndez tenta agora, á desesperada, perpetrar o enésimo engano á cidadanía lucense para tentar vender ese argumento durante a próxima campaña electoral porque non ten ni un só proxecto realizado nestes catro anos que presentar aos lucenses”, afirmou o popular.

Ameijide explica que agora Lara Méndez decátase de que “perdeu” catro anos de oportunidades pero que “non ten escusas” porque o goberno local “é o único culpable” de non investir na mellora de Lugo, pese a que o Concello gozou dunha economía saneada durante todos estes anos.

O voceiro popular tamén acusou a Lara Méndez de “falta de lealdade institucional” ao non negociar co grupo  maioritario da oposición os orzamentos do Concello. Para Ameijide é curioso escoitar a Pedro Sánchez acusar de “falta de lealdade” aos grupos de esquerdas no Congreso por non apoiar os seus orzamentos, cando Lara Méndez “nin
ten a intención” de buscar os apoios necesarios para aprobar as contas municipais.

Por iso, o voceiro popular insta a Lara Méndez a que comece a recoller o seu despacho e deixe de seguir mentindo aos lucenses, xa que “merecen” un equipo de goberno que se preocupe de verdade polos cidadáns e por mellorar os servizos que o Concello pode dar e por impulsar un Lugo mellor.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo