" />

A oposición pide medidas para axilizar a tramitación das licenzas urbanísticas

Lugonovo solicitaba onte unha reunión entre todos os grupos da oposición para achegar posturas entre todos e poder presentarlle ao goberno local algunha alternativa á parálise que ten no eido das licenzas urbanísticas. Trala reunión, mantida hoxe entre os voceiros de todas as agrupacións da oposición (Ace-Eu, BNG, Cidadáns, Lugonovo e PP), todos os grupos, agás os nacionalistas, optaron por presentar un escrito conxunto á alcaldía solicitando a posta en marcha de varias medidas encamiñadas a axilizar a legalización dos expedientes.

Os puntos que figuran no citado documento requiren, por unha banda, que se cubran os postos reservados a funcionarios con habilitación estatal da forma convinte e, se fora preciso, modificando as partidas correspondentes aos complementos específicos que teñen asignados para adecualas aos salarios actuais co obxecto de garantir a súa demanda.

Igualmente, reclaman que se convoquen, de forma inmediata, as dúas prazas de arquitecto municipal que, neste intre, se atopan vacantes e que figuran na Oferta de Emprego Público de 2016. Que se busque, así mesmo, as formas legais oportunas para reforzar o devandito departamento coa incorporación de novos efectivos e que se nomee un novo xefe do Servizo de Arquitectura para a praza que leva anos baleira.

Asemade, instan ao executivo a estudar posibles alternativas de colaboración temporal coa Empresa Municipal de Vivenda e Solo (Evislusa), ou mesmo mediante asistencias técnicas puntuais, coa fin de desbloquear a situación de acumulación de expedientes e o atraso na concesión de licenzas urbanísticas municipais. Os grupos da oposición asinantes deste escrito acordaron de forma unánime os termos que recolle dito documento así como o seu traslado á alcaldía, na busca dunha solución de consenso beneficiosa para os intereses da veciñanza de Lugo e para o progreso e dinamización da economía local.

O BNG, o primeiro en pedir respostas

Pola súa banda, o BNG encargouse de lembrarlles aos compañeiros de Corporación que o seu grupo denunciou hai tempo estes atrasos; de feito, os nacionalistas solicitarán a comparecencia en Pleno do Concelleiro responsable para que dea conta das razóns dos retrasos na tramitación de licenzas, “meter un escrito é respectable, pero os grupos políticos formamos parte do Pleno da Corporación e alí é onde se deben debater estes temas”. Para o voceiro nacionalista, Rubén Arroxo, este tema é “é suficientemente transcendente como para pensar que a solución é dicirllo á alcaldesa nun papel que, probablemente, acabará na papeleira”.

O goberno reúnese co sector

E ante todas as denuncias, era o turno de que o Goberno local actuara. Hoxe, o edil de urbanismo, Daniel Piñeiro, mantivo unha reunión con distintos representantes do sector da construcción, para abordar e acordar unha serie de medidas encamiñadas a axilizar a tramitación e concesión de licenzas de obra maior. O edil explicoulles aos asistentes que neste mandato o Concello reforzou o servizo municipal de Arquitectura cunha técnica máis, co que hoxe son sete no departamento. Entre as medidas acordadas cos colexios profesionais e as asociacións empresariais na reunión de hoxe, o goberno prometeu a incorporación ao Concello a curto prazo de dous técnicos que se ocuparán en exclusiva de tramitar licenzas atrasadas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo