" />

A Policía levanta 37 actas de denuncia durante a fin de semana

Durante esta fin de semana, especialmente durante as noites do 1 e 2 de xaneiro, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo estableceron diferentes dispositivos para controlar o cumprimento da normativa da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, levantándose 37 actas de denuncia polas seguintes infraccións.

22 actas de denuncia por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá por circulación entre as 23,00 e as 6,00 horas, sen causa que o xustifique. Propóñense para sanción de 601 a 30.000 euros.

13 actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia ao sorprender a outras tantas persoas que transitaban pola vía pública sen facer uso da máscara de protección. Foron propostos para sanción de 100 euros.

1 acta de denuncia por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá por desobediencia e falta de respecto aos axentes da autoridade no exercicio das súas funcións. Proposto para sanción de 601 a 30.000 euros.

1 acta de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia ao inspeccionar os axentes un local de hostalería de Concepción Arenal e comprobar que se superou o aforo máximo permitido no interior. Proposto para sanción de 500 euros.

Un home de 37 anos foi proposto para sanción por tres infraccións. Foi detectado por unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, pasadas as 23,00 horas na rúa do Miño, transitando sen máscara (infracción á Lei de Saúde de Galicia. Multa de 100 euro); quebrantando o “toque de queda” (infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá. Multa de 601 a 30.000 euros) e por desobediencia e falta de respecto aos axentes da Policía Local pois ao requirirlle para que se puxese a máscara contestou: “non quero, multarme se queredes, dáme igual, o virus non existe”. (infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá. Multa de 601 a 30.000 euros).

 Controles alcoholemia. Delitos contra a Seguridade viaria.

Durante a madrugada do 1 ao 2 de xaneiro, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, apoiados por un equipo de Atestados do Corpo, realizaron varios controis de alcoholemia en toda a cidade, co seguinte resultado:

Ás 23,45 horas detéctase un turismo que circula pola rúa Islas Cíes, cuxa condución é irregular. Ao falar coa condutora obsérvase que presenta signos de embriaguez polo que é sometida ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,84 mg/ l (triplicando a taxa máxima permitida), polo que se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Ás 0,45 horas detéctase outro turismo que circula pola rúa Grabador Castro Gil, cuxo condutor presenta signos de acharse baixo os efectos de bebidas alcohólicas, sendo sometido ás probas de alcoholemia e lanzando un resultado POSITIVO de 0,85 mg/ l (triplicando a taxa máxima permitida), instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Ás 4,50 horas detéctase un turismo que comete unha infracción de tráfico na intersección das vías San Eufrasio e Ronda Fontiñas, sendo sometido o condutor ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,48 mg/ l, polo que se abre expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

Ademais en todos os casos, os condutores foron denunciados por incumprimento de “toque de queda”, o que supón multas de 601 a 30.000 euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo