A Policía Local denuncia a un local por varios incumprimentos, entre eles ás medidas de prevención do COVID e á Lei do Tabaco

O Grupo Operativo Nocturno da Policía Local xunto coa Policía Nacional levantaron actas a pasada noite contra un local hostaleiro da cidade de Lugo por unha infracción á normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas, así como por incumprimentos das medidas de prevención impostas pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, por ter persoas facendo labores de camareiros sen ter contrato nin vinculación laboral ningunha co propietario do establecemento e por infracción á lei de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo.

Os feitos tiveron lugar en torno ás 23.30 horas da pasada noite cando a Sala de Comunicacións do 092 recibe varias chamadas dos veciños da rúa Salvador de Madariaga queixándose do ruído que proviña do establecemento.

Os axentes que acoden ao local, poden comprobar como, desde o exterior, se escoita música en ton moi elevado que pode perturbar o descanso dos veciños. Efectivos da Policía Local realizan ademáis unha inspección do propio establecemento.

No seu interior comproban que o local conta con varios altofalantes, unha mesa de mestura e un ecualizador, “que tentan ocultar na zona da cociña”, carecendo o local de autorización para a instalación de equipo de reproducción musical. Por este motivo levana  a primeira acta de infracción á normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas.

Comproban ademais que o establecemento supera o aforo máximo permitido, xa que na licenza indícase un aforo de 78 persoas e había no interior 96, superando con fartura o 75% establecido, observando que os clientes se achaban no interior sen máscara e sen respectar a distancia de seguridade interpersoal, polo que se levanta acta por infracción á normativa da Consellería de Sanidade sobre medidas implantadas con ocasión da situación de emerxencia sanitaria.

Para gañar espazo no interior do local, e segundo describe a Policía Local, o responsable colocara a máquina de futbolín enriba da mesa de billar. Por tal motivo os axentes ordenan o desaloxo do establecemento polos graves incumprimentos das medidas de prevención impostas pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, identificando o responsable do local o cal manifesta que se está celebrando unha festa de aniversario.

No transcurso da inspección os axentes da Policía Local detectan como dúas persoas que realizan funcións de camareiros non achegan ningún tipo de contrato nin vinculación laboral co establecemento, polo que se levanta acta para a súa remisión á Inspección de Traballo da Seguridade Social.

Tamén se detecta que no interior hai moitas cabichas, fume no ambiente e un forte cheiro a tabaco, polo que os axentes levantan acta por infracción á lei de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com