A Ponte de Outeiro acollerá este sábado a segunda edición da Festa da Xuventude

A parroquia da Ponte de Outeiro, no municipio de Castro de Rei, celebrará este sábado 7 de xuño a segunda edición da Festa da Xuventude, unha iniciativa organizada pola Asociación Cultural e Veciñal Virxe da Portería que conta co apoio da Xunta de Galicia.

A programación foi presentada este xoves na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, nun acto no que participaron o delegado territorial, Alfonso Villares; o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, e representantes da entidade organizadora.

Durante a presentación, Villares destacou o labor desenvolvido pola asociación na dinamización da vida social da contorna e lembrou que a entidade recuperou o pasado ano a tradicional celebración do Corpus Christi na parroquia despois de varias décadas sen organizarse. O responsable autonómico salientou tamén a importancia deste tipo de iniciativas para fomentar a convivencia veciñal e contribuír á dinamización do rural.

A xornada festiva dará comezo ás 13.00 horas coa celebración dunha misa e a posterior sesión vermú. Ás 15.00 horas celebrarase o xantar popular, mentres que pola tarde haberá sorteos e distintas actuacións musicais. A programación completarase cunha cea a base de petiscos e unha verbena que porá o broche final á festa.

A Festa da Xuventude consolídase así no calendario de actividades da parroquia, coa intención de reunir veciños e visitantes nunha xornada de convivencia e lecer.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com