A Praza de San Marcos acolle desde hoxe a exposición itinerante “José Suárez, vida e obra”, unha proposta que revisa a traxectoria vital e artística do fotógrafo de Allariz. A iniciativa enmárcase na programación do Día das Artes Galegas, que este ano a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) dedica ao autor. A exposición poderá visitarse en Lugo ata o 31 de maio. Un referente da fotografía galega
A mostra componse de 16 paneis nos que se reproducen algunhas das imaxes máis representativas da produción de Suárez, entre elas fotografías da serie Mariñeiros, considerada clave para a súa proxección no ámbito estatal, así como outras que documentan o seu traballo en diferentes contextos xeográficos.
As imaxes exhíbense acompañadas de breves textos asinados por figuras como Luís Seoane, Eduardo Blanco Amor, Manuel Sendón, Xosé Luís Suárez Canal, Domingo García-Sabell, Miguel de Unamuno, José Bergamín, Juan Manuel Bonet, Rafael Alberti, Publio López Mondéjar, Carlos Casares ou Lois Tobío. Estes autores salientan o valor artístico da obra de Suárez nun período no que a fotografía non contaba co recoñecemento actual.
José Suárez (Allariz, 1902) desenvolveu unha traxectoria marcada pola vinculación ás vangardas artísticas e pola experiencia do exilio. Cunha formación intelectual sólida e pensamento liberal, mantivo relación con destacadas figuras da cultura, como Unamuno, Blanco Amor ou Seoane, así como con referentes internacionais, entre eles Akira Kurosawa.
A súa obra, influída pola Nova Obxectividade, caracterízase por unha mirada moderna e centrada na figura humana, afastada de enfoques folcloristas e próxima ás correntes europeas máis innovadoras. Na actualidade, está considerada unha das contribucións máis relevantes á fotografía galega, cunha proxección que transcende o ámbito internacional.
Día das Artes Galegas
O Día das Artes Galegas, celébrase cada 1 de abril, foi instituído pola RAGBA en 2015. A data conmemora a colocación, en 1188, dos dinteles do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, atribuída ao Mestre Mateo. Na edición de 2025, a figura homenaxeada foi Isaac Díaz Pardo.






