O portavoz provincial do PP, Antonio Ameijide, esixe ao goberno da Deputación de Lugo (PSOE e BNG) que reincorpore aos traballadores de Suplusa tras unha sentenza do Tribunal Supremo que declara ilegal a compra dunha acción de Tragsa e as decisións posteriores.
Ameijide explica que “hai 16 traballadores que están fóra por unha decisión unilateral do goberno de PSOE e BNG”. De feito, o propio Tribunal Supremo ratificou o que defendía o Grupo do Partido Popular: “que a compra da acción a Tragsa non se tiña que adoptar en Xunta de Goberno, na que só participan representantes de PSOE e BNG; senón que tiña que ser avalada polo Pleno”.
Segundo o PP, esta actuación provocou a saída de máis de vinte empregados, dos que 16 seguen nunha situación de incerteza.
Ameijide critica que o goberno provincial rexeitase inicialmente acatar a sentenza e reclama agora que cumpra co fallo xudicial, integrando de novo ao persoal afectado. Ademais, sinala que a resolución do Supremo fixa xurisprudencia para outras administracións e pide axilidade para executar a sentenza, anunciando que o PP presentará unha solicitude formal para garantir o seu cumprimento inmediato.






