A proposta organizativa do PSOE para o Concello sae adiante grazas ao PP

Case mes e medio despois das eleccións municipais, hoxe por fin tivo lugar o Pleno de Organización do Concello de Lugo no que os socialistas xogaban todo a unha carta, cunha proposta que aínda que recollía algunhas das demandas que esixían os grupos minoritarios do consistorio, non gustou a ningún dos catro. Lugonovo, BNG, e ACE votaron en contra, e Ciudadanos abstívose.

A proposta organizativa saíu finalmente adiante grazas aos votos a favor do Partido Popular, decisión que encendeu os ánimos da oposición de esquerdas, que acusaron aos socialistas de ter pactado cos populares co propósito de non ceder ante as esixencias de Lugonovo.

A reducción do gasto político no Concello era a principal reclamación das forzas minoritarias, e aínda que os socialistas o rebaixaron, dende Lugonovo, ACE e BNG, reclamaban unha cantidade maior de aforro, e unha reducción no persoal de confianza de socialistas e populares. Tanto PP como PSOE apelaron á chamada lei de proporcionalidade, que lles outorga tres asesores a cada un, pero tanto Lugonovo, como ACE e BNG sinalaron que aínda sendo legal e regular, non era un reparto xusto.

Recriminaron asemade ao grupo socialista rexeitar a proposta para convocar unha Xunta de Portavoces coa que pretendían amosar as súas propostas e acadar os acordos aos que non foi posible chegar durante as xuntanzas que o PSOE mantivo con cada grupo, “tres veces con cada un de eles”, segundo sinalaba hai uns días a Alcaldesa Lara Méndez.

Logo de dúas horas de exposicións e réplicas, os grupos políticos votaron punto por punto a proposta socialista, que saiu adiante grazas ao apoio do Partido Popular, sen sorpresas para ningún grupo que xa días atrás prevían este desenlace.

Por último e fóra dos asuntos tratados neste pleno organizativo, varias persoas amosaron ao inicio do acto unha pancarta de rexeitamento contra a decisión de ABANCA de pechar a gardería do Sagrado Corazón.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com