A provincia encara a fin de semana cunha nova baixada de casos activos pero con suba de ingresos

Se ben, en anteriores vagas do virus podíase ver como os casos tendían a aumentar significativamente a partir de mércores e xoves, esta cuarta vaga, que chegou moito máis debilitada grazas, en parte, ás vacinacións e as restricións da semana santa, presenta unhas tendencias completamente diferentes. 

E para exemplo, un botón. Esta semana, o número de casos activos sufriu un leve repunte o martes pero, a partir de aí, comezou a descender a pasos axigantados ata chegar ao día de hoxe no que os casos baixan, por primeira vez no último mes, das 200 infeccións activas. 

En concreto, segundo o último informe do SERGAS, con datos recabados ata as 6 da tarde de onte, a provincia suma un total de 196 casos activos, moi lonxe dos 226 que se rexistraban o martes, e moi preto dos 192 do pasado 18 de abril. 

Con todo, non é para relaxarse, pois esta baixada débese en gran parte ás continuas altas médicas que están a recibir os infectados por Covid e que nas últimas horas recibiron 22 persoas; e nos últimos 8 días preto de 100. E dicimos que non é para relaxarse porque o certo é que o número de contaxios diarios non descende, senón que se sigue mantendo en torno á decena. Así, o último informe do SERGAS cifra en 11 os positivos detectados onte por PCR. 

O que chama a atención hoxe é o aumento da presión asistencial que, de novo, chega ás 11 persoas ingresadas, 9 delas en unidades convencionais. Por hospitais, o HULa suma dous pacientes covid e chega ata os 6; o Hospital de Monforte continúa con 2 e o da Mariña, que ata hoxe non tiña casos covid, conta cun paciente infectado polo virus. Ademáis, a UCI do HULA segue con 2 casos. 

E hoxe é venres día de reunión do subcomité clínico e día no que entran en vigor novas medidas en certos concellos. Se ben Lugo conta cunha incidencia baixa xeral en todos os concellos, ata agora contaba cun concello en nivel alto de restricións: era A Pastoriza, que, dende hoxe retrocede ata o nivel medio, no que continuará uns días máis tamén o de Chantada. O resto dos concellos da provincia seguen en nivel medio-baixo de limitacións, que é o mínimo que permite, polo momento, a Xunta de Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com