" />

A provincia terá este ano 19 casas niño gratuitas no rural

A provincia de Lugo, coas tres novas incorporacións previstas en 2020 –nos concellos de Baleira, Ribas de Sil e Navia de Suarna- acabará esta década, con 19 casas niño a pleno rendemento, que ofertan 95 prazas. Son un servizo de conciliación e atención á infancia (de nenos e nenas de entre 0 e 3 anos) emprazados nos concellos do rural e, grazas ao apoio da Xunta, gratuítos para as familias usuarias.

En cada unha das casas niño aténdese de xeito personalizado e cun horario flexible ata un máximo de 5 nenos de 0 a 3 anos. Son as persoas promotoras desta iniciativa as encargadas de prestar este servizo, todas elas profesionais que contan con titulacións relacionadas con educación infantil, experiencia nese ámbito ou que realizaron os cursos que organiza con este obxecto a Xunta de Galicia.

Con estes novos equipamentos contribúese a fixar poboación –pois achega recursos ao rural- e tamén a dinamizar a economía local, xa que favorecen o autoemprego da persoa responsable da atención e coidados dos menores na casa niño.

A Consellería de Política Social financia, a través dunha orde de axudas específica, as obras de adaptación do inmoble no que se empraza a Casa niño, cun máximo de 15.000 euros para que cumpra todos os requisitos de seguridade e a normativa pública sobre atención infantil. A Xunta tamén financia o salario da persoa responsable da Casa niño, neste caso cunha achega para atención educativa que ascenderá a 19.600 euros ao ano, o que garante a gratuidade do servizo.

A última convocatoria das axudas da Xunta para a creación de novas Casas niño, que se resolveu o pasado mes de decembro, inclúe varias novidades: incrementouse a contía do anticipo por atención educativa que reciben as promotoras durante o primeiro ano, que pasa do 35 ao 100% da subvención que lles corresponde e, nas sucesivas anualidades este anticipo pasa do 35% ao 75% para todas as casas niño en servizo.

Por outra banda, ao igual que acontece nas escolas infantís públicas, todos os nenos e nenas que acudan as casas niño deberán ter o calendario de vacinación ao día

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo