A Rede Museística Provincial celebra o Día da Persoa Migrante coa inauguración da mostra Mulleres nas/das aldeas

Coindicindo co Día Mundial da Persoa Migrante -o 18 de decembro-, a Rede Museística Provincial de Lugo celebrou na Sala de Exposicións un encontro dirixido a visibilizar a realidade das mulleres migrantes.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e o concelleiro Álex Penas participaron na xuntanza, na que se inaugurou a exposición Mulleres nas/das aldeas, que retrata distintas xeracións de mulleres que conviven no rural: mulleres migrantes que non medraron no rural pero que traballan nel, fundamentalmente no ámbito dos coidados, e mulleres nadas en aldeas que marcharon ás cidades ou a outros países para formarse ou traballar e retornaron.

A mostra, con fotografías de Carmen Porteiro, é o último dos proxectos que a Rede Museística Provincial de Lugo está a desenvolver da man da comunidade migrante, ampliando un camiño que ven percorrendo nas últimas dúas décadas, con outras iniciativas incluídas no programa Culturas en Diálogo.

O encontro culminou cunha andaina, acompañada de música tradicional, desde o Pazo de San Marcos ata o Vello Cárcere, onde se estrearon tres novos capítulos da webserie documental Ronsel de futuro, de Brian Rodríguez e Rubén Pérez, que fai un percorrido pola actividade dos catro museos provinciais a través de artistas, colectivos e asociacións que veñen participando na súa programación; entre eles, un centrado na comunidade migrante.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com