" />

A saúde aos 75 anos

Lembrando o “Monólogo do vello traballador” de Celso Emilio constato que a miña vida laboral cotizada comprende 47 anos, 3 meses e 14 días, dedicados á Administración pública central, autonómica e ata a municipal da capital lucense.

Cando se foi consolidando o benestar funcionarial, e mesmo antes de que as dúas pagas extras foran íntegras – No sector non hai “Paga de beneficios” por razóns obvias – creouse na Administración autonómica un servizo médico, ben atendido por certo, ao que acudíamos directamente en calquera incidencia no estado de saúde e onde se nos facía anualmente un recoñecemento que nos permitía comprobar a evolución das nosas constantes, ou saber dos sinais de alarma do noso corpo. Entre as probas efectuadas estaba un control da audición que permitía comprobar que este sentido seguía estando en situación de revista.

Xubileime hai dez anos, e nunca volvín ter un control similar, polo que sospeito que o interese da Administración non era comprobar o funcionamento do meu mecanismo interno, senón garantir a miña utilidade para o desempeño do traballo sen sorpresas.

A unha década do último control, nunha consulta no Hula comentei que aínda que quizais era cousa dos anos parecíame percibir que non oía coa mesma pureza de antano. O facultativo non me fixo ningunha proba e en base ao natural ollo clínico afirmou que aos anos que teño era natural que a agudeza decaese. E deume por pensar se o que aos setenta e cinco anos necesitaremos é un médico que, por estar preto de tan elevada cifra, saiba comprender que aínda vellos pretendemos seguir vivindo en plenitude o maior tempo posible.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo