" />

A Semana do Cine de Lugo abre o prazo para a presentación de filmes

O Grupo Fonmiñá vén de convocar a cadraxésimo cuarta edición da Semana de Cine de Lugo, que se vai celebrar do 19 ao 24 do próximo mes de setembro. A Semana de Cine de Lugo celébrase na cidade desde 1979, promovida polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, co apoio da Deputación Provincial de Lugo, Concello de Lugo e Xunta de Galicia, e a colaboración da Universidade de Compostela-Campus de Lugo.

Con esta convocatoria ábrese oficialmente o prazo de presentación de películas (Longametraxes e Curtametraxes) para conformar a programación oficial da Semana. A presentación de películas poderá efectuarse ata o 2 de maio do presente ano.

Poderán presentarse películas producidas entre 2020 e 2022, inclusive, e non poderán exhibirse nin editarse comercialmente en España en salas públicas (agás en festivais), televisión, VoD ou webs antes do 19 de setembro próximo.

As obras terán que ser de ficción (imaxe real ou animación) con máis de 60 minutos de duración en longametraxes. As curtametraxes non poderán exceder de 30 minutos. Será imprescindible o subtitulado en castelán naquelas copias cuxo idioma orixinal sexa galego, inglés ou outro calquera. As películas que non cumpran este requisito quedarán fóra desta convocatoria. Algúns dos títulos que se seleccionen en calquera das seccións e de acordo entre ambas as partes (Festival e Representante), poderán exhibirse en streaming (online) a través das canles oficiais do Festival.

A Competición Internacional da 44ª edición da Semana de Cine de Lugo estará dotada de 6.000 euros en premios, (repartidos nas súas distintas seccións) con cargo á aplicación orzamentaria do certame e suxeitos ás vixentes retencións que marca a lei. (Premios concedidos unicamente ás películas servidas por Festhome, Click For Festivals e Cinema por inscrición tradicional). As películas presentadas optarán aos seguintes galardóns:

– Mellor Película da Sección Oficial (Premio do Público): 3.000 euros.

– Premio do Xurado “Muralla de Lugo” para a Mellor Película do Cinema das Nacionalidades: 1.500 euros.

– Premio do Xurado á Mellor Película Documental: 500 euros.

– Premio do Público á Mellor Película Galega: 500 euros.

– Premio do Público á Mellor Curtametraxe: 500 euros.

Poderán concursar as persoas físicas ou xurídicas con capacidade de obrar (produtores, directores, distribuidores) que posúan o debido control legal sobre as obras que presenten a concurso. A persoa ou entidade (ou o seu representante) que asine o formulario autorizando a inscrición será considerado polo Festival como único interlocutor válido para tratar aspectos relacionados coa participación da película no evento e como único responsable fronte a outras persoas ou empresas que participen na produción da película.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo