A soidade do goberno municipal

Por segunda vez o goberno municipal nesta lexislatura que apenas tivo tempo de botar a andar, sinte nesta ocasión por conta do sistema ORA, a soidade que produce non ter aliados no pleno, o que lle permite á oposición impoñer a súa aritmética.

Con poucos días de diferenza volve sentir como os grupos presentes no Pazo Municipal, agás o socialista, impoñen a lei dos escanos, 17 edís contra 8. E isto non fixo máis que comezar.

A medida que se vaian achegando os comicios para elixir aos representantes da provincia de Lugo ao Congreso e Senado, a presión sobre o equipo do Psoe, de seguro, irá incrementándose de xeito exponencial.

Pero se nestes meses antes das xerais o goberno local podería sentir o que senten os nosos mariñeiros no medio dunha treboada no Grán Sol, a cousa podería ir a peor se, como deixou dito Murphi, o susceptible de empeorar, empeorará. Estea ou non equivocado Murphi, o que si se pode dar por seguro é que despois de reis soará o “pistoletazo” de saída que anuncie  o comezo da nai de todas as batallas electorais galegas; a campaña para elixir ao Presidente da Xunta. Coido que dende o comezo da autonomía, so unhas eleccións tiveron tanta importancia como todo parece indicar sucederá coas vindeiras eleccións ao Parlamento Galego, as eleccións do 89, cando o desembarco de Fraga en Galicia.

Por iso Lara Méndez deberá ir pensando en buscar apoios axiña. Será difícil achegar posturas antes de que pasen as xerais, pero ao día seguinte da votación Méndez deberá poñerse á xeira. Cómo? Retomando as negociacións con outros grupos, co fin de acadar un  goberno que conte cos apoios suficientes que fagan esquecer esa sensación de vivir nunha illa rodeada de quenllas dispostas a cravarlle os dentes ao goberno no intre menos esperado.

Porque a outra opción sería caer na síndrome Rajoi, é dicir: deixar correr o tempo a ver qué pasa. Nese caso, pode atoparse outra vez mergullada noutra campaña electoral, o que conlevaría adiar as negociacións ata 2017 e daquela xa, de seguro, será moi tarde para todo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com