A Subdelegación acorda limitar a concentración de tractores a un so carril na rolda

A Subdelegación do Goberno en Lugo vén de dictar unha resolución, que será efectiva dende o vindeiro venres, día 15,  pola que se limita a concentración de tractores que a asociación Agromuralla mantén dende o pasado 10 de decembro na Rolda da Muralla, de tal xeito que, segundo se establece, “se coloquen un tras doutro formando unha única ringleira na contorna interna da Rolda, garantindo en todo momento libres dous carrís para a circulación de vehículos” así como que queden despexados os acceso de entrada e saída ao recinto amurallado, aspectos polos que deberá velar o Concello, como organismo competente en materia de tráfico

Dende o inicio da concentración de tractores na Rolda da Muralla non se produciu ningún feito denunciable en materia de seguridade cidadá, como tampouco se rexistraron problemas por parte do servizos de emerxencias nin doutros servizos públicos. Se ben, e segundo constatan os informes remitidos a á Subdelegación, “estanse a producir dificultades vencelladas ao tráfico rodado, especialmente nas franxas horarias de maior intensidade, pondo de manifesto que o plan deseñado polo Concello con carácter previo ao inicio da concentración non resulta suficiente para evitar as perturbacións circulatorias, que están a provocar unha certa crispación social, sen que se teña ademais prevista unha data para o remate da concentración”.

A decisión adoptouse esta mañá tendo en conta os escritos que nos últimos días presentaron neste organismo a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), a Federación de Comercio e a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería (APEHL) nos que poñían de manifesto os problemas circulatorios e os prexuízos, tanto á cidadanía como aos comercios, que está a ocasionar a citada concentración de tractores, ao estar a mesma prolongándose no tempo; e á vista tamén dos novos informes solicitados no día de onte ao Concello de Lugo, a Policía Nacional e a Abogacía do Estado. Segundo a Subdelegación do Goberno, “a resolución respeta ademais o dereito de reunión, un dereito fundamental regulado na Lei Orgánica 9/1983 de 15 de xullo, así como mantén a repercusión social que conleva o lugar elexido por Agromuralla para a concentración garantindo a publicidade, que constitúe un dos elementos esenciais do contido do dereito de reunión”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com