A Subdelegación do Goberno ábrelle a porta aos lucenses

A Subdelegación do Goberno en Lugo abriu esta semana as súas portas a diversos colectivos para dar a coñecer tanto as súas instalacións como os servizos e a actividade que desenvolve a Administración Xeral do Estado na provincia. Participaron nestas xornadas, que se desenvolveron de martes a venres, estudantes de primeiro de BAC do IES Sanxillao, representantes da Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti, membros de asociacións de persoas con diversidade funcional e unha representación do colectivo empresarial da provincia (CEL, Federación Galega de Comercio, Asociación de Mulleres Empresarias, Asociación de Autónomos e Asociación de Xoves Empresarios).

O subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, recibiu a todos os asistentes, aos que lles agradeceu o interese por sumarse a esta iniciativa, e salientou a importancia de contar con administracións públicas “abertas aos cidadáns, cercanas e transparentes”. De igual xeito, referiuse ao valor de que a cidadanía poida dispor de medios para coñecer os detalles da xestión dos organismos públicos. Neste sentido, informou aos visitantes sobre os contidos do Portal de Transparencia, onde calquera cidadán pode atopar información detallada sobre a xestión das administracións e os seus responsables públicos.

Despois da recepción por parte do subdelegado e de ver unha presentación sobre a historia das subdelegacións do Goberno, os membros dos distintos colectivos percorreron as instalacións da Subdelegación, acompañados polo secretario xeral, Roberto Raposo. Os responsables dos distintos departamentos –Información e Rexistro, Unidade contra a Violencia sobre a Muller, Autorizacións Administrativas, Infraccións, ou Traballo e Inmigración e Estranxeiría- fóronlles dando conta das funcións de cada área e dos servizos que prestan, mesmo poñendo algúns exemplos prácticos dos trámites máis habituais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com