A tardanza na concesión da licenza, podería pór en risco a apertura do CEIP Sagrado Corazón no curso 2020-2021

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, advertiu que se no prazo de dez días a Xunta non dispón da licenza municipal para a obra de construción do colexio Sagrado Corazón, será materialmente imposible que o novo colexio poida abrir as súas portas, como estaba previsto, ao inicio do curso 2020 -2021.

Así o trasladou Balseiro nunha reunión que mantivo esta mañá co equipo directivo e representantes da asociación de nais e pais do alumando do centro para analizar a situación de “bloqueo” na que se atopan as obras por parte do Concello de Lugo.

O delegado lembrou que a licenza municipal foi solicitada o 11 de decembro do ano pasado, hai xa máis de catro meses, e que desde entón seguen agardando pola resposta do Concello. Todo iso a pesar de que a Lei do solo establece como máximo un prazo de tres meses para resolver esta petición. O Goberno local asumiu en varias ocasións que a demora era responsabilidade súa e ofreceu distintas datas alternativas que nunca cumpriron.

“Primeiro dixeron que a licenza estaría lista no mes marzo, despois a principios de abril e agora retrasan este trámite a un prazo indeterminado e falan das próximas semanas. Non son serios, nin responsables, a pesar de ser conscientes das consecuencias desta demora”, sinalou Balseiro.

Balseiro contrapón a falta de previsión do Goberno local coa actitude dilixente da administración autonómica que, tan pronto contou co proxecto definitivo, licitou a obra e solicitou a licenza no mesmo dia (o 11 de decembro). “A Xunta fixo todos os deberes: elaborou o proxecto técnico, licitou e adxudicou o contrato de construción nos prazos estimados, e estaría en disposición de iniciar as obras en canto dispoñamos da licenza municipal que sigue bloqueada”.

O Concello “non fixo a parte que lle correspondía”: ten que dar a licenza e ten que realizar traballos de urbanización na parcela, dotándoa de servizos básicos como luz, auga ou saneamento, algo ao que está obrigado por convenio e que incluso tiña o compromiso de facer antes de iniciar as obras de construción do novo colexio.

Balseiro asegura que este caso non é único senón que existe unha situación de “bloqueo sistemático das obras da Xunta por parte do Concello de Lugo”, que neste momento mantén paralizados proxectos do Goberno galego que suman 22 millóns de euros de investimento na cidade. “Agardamos dende hai meses a que respondan ás nosas solicitudes de licenzas e convenios, ou que cando menos argumenten esta demora”, afirma o delegado.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com