A tramitación de licenzas de obras terá prazos de resposta para administración e interesados

O coordinador da área de Urbanismo vén de emitir esta mañá unha Instrución coa que, dende hoxe mesmo, o Concello de Lugo regulará a tramitación dos títulos habilitantes de natureza urbanística para a realización de obras de edificación -é dicir, as licenzas- que non se corresponden con comunicacións previas ou declaracións responsables, co fin de acadar, así, unha homoxeneidade de criterios que permita axilizar a abordaxe e resolución dos expedientes.

Nas indicacións realizadas se determina que, unha vez que a solicitude se reciba en Licenzas, este Servizo pedirá a Arquitectura e á Adxuntía da Xefatura de Enxeñería a emisión dos seus informes que, a partir de agora, poderán redactarse de maneira independente, sen estar supeditados un ao outro, para permitir que a súa elaboración sexa simultánea e, por tanto, máis dilixente.

Unha pauta que tamén se manterá no caso de que estes dous Departamentos precisen das consideracións doutras seccións, (topografía, etc) e polas que agardarán un máximo de 10 días, logo dos cales, poderán proseguir coas actuacións, entendendo que contan cun criterio favorable; a excepción dos ditames que eles mesmos (Arquitectura e Enxeñería) deban realizar e da proposta de resolución que faga o Servizo de Licenzas que, nestes tres casos, son preceptivos.

A Coordinación de Urbanismo estableceu, igualmente, que cando a actuación continúe pendente dun informe non preceptivo, o servizo que o tivera solicitado deberá deixar constancia deste extremo, tendo a capacidade de incorporar no seu propio informe cláusulas que eviten a denegación da resolución.

“Cláusulas nas que se poden introducir condicións que garantan que a execución da obra non incorre nalgunha causa da que, posteriormente, poidan derivar medidas de disciplina urbanística ou unha posible revogación da licenza e sempre e cando estas condicións non garden relación coas esixencias que impón a lexislación, consideradas como esenciais e/ou que afecten a parámetros urbanísticos básicos, o dominio público, o solo non urbanizable así como a edificios ou inmobles protexidos”, explicou a edil responsable da área.

Encamiñado precisamente á redución de tempos e á simplificación da burocracia para Administración e Administrados, a Instrución recolle, alén, que, cando sexa necesaria a subsanación de deficiencias, só se realizará un único requirimento por escrito ás ou aos promotores, toda vez que se dispoña dos informes de Arquitectura e Enxeñería, abríndose, a continuación, un prazo de 1 mes para que poidan presentar a documentación ou xustificacións oportunas e advertíndolles que, de non ser así, o procedemento caducará e se arquivará no prazo de 3 meses, tal e como recolle o art. 95 da Lei 39/2015 de 1 de outubro.

“Se a subsanación se realizase parcialmente ou de maneira insuficiente a licenza será denegada, poñendo límite así a demoras prolongadas, que impiden concluír os expedientes dunha forma definitiva e que, como se vén detectando, están a lastrar non só os tempos medios de resposta do Servizo senón tamén a carga de traballo que este soporta”, afirmou a concelleira.

En caso de resultar necesaria a achega de autorizacións sectoriais, estas serán entregadas polos interesados, ben coa propia solicitude, ben no trámite de subsanación de deficiencias.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com