A Volta Ciclista ás Comarcas deixará uns 100.000 euros ao seu paso por 12 concellos

O Vicepresidente da Deputación e Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, e o Tenente Alcalde da Pontenova, Francisco Martínez Bermúdez, presentaron hoxe no Concello da Fonsagrada a IV Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo, Desafío Volta Lugo 2018, que terá lugar os vindeiros días 25, 26 e 27 de maio organizada polo Club Cidade de Lugo.

O Goberno da Deputación é o principal patrocinador deste evento deportivo cunha achega de 65.000 euros, pois trátase da única volta cicloturista por etapas desenvolvida en Galicia e unha das poucas de toda a Península Ibérica, sendo xunto cos Concellos da Fonsagrada, A Pontenova e Lugo, as únicas administracións que colaboran. A volta desenvolverase durante a fin de semana en tres etapas, que pasarán por doce municipios da provincia: Lugo, Castro de Rei, A Pastoriza, Riotorto, Lourenzá, A Pontenova, Meira, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, O Cádavo, Castroverde e Pol.

Fernández Queipo destacou “a repercusión mediática e económica deste evento deportivo para a provincia pola oportunidade de promoción que supón, así como pola gran cantidade de xente que se achegará a presenciar o espectáculo. Non en vano, a día de hoxe, e a falta de dúas semanas para que remate o prazo de inscricións, xa hai máis de 165 persoas de toda Galicia, así como doutras comunidades como Valencia, Estremadura, Asturias, Castela e León, e do norte de Portugal, apuntadas para participar na Volta ás Comarcas. A esta cifra hai que engadir os acompañantes e afeccionados á bicicleta que durante tres días se darán cita na nosa provincia, enchendo os hoteis e locais de restauración dos concellos polos que transcorre o percorrido, e deixando uns beneficios próximos aos 100.000 mil euros”.

A novidade máis importante deste DVL2018 é a participación dun ciclista de luxo como é Joseba Beloki, ex ciclista profesional que destacou como gran escalador e contrarreloxista de alto nivel especializado en grandes voltas por etapas, destacando entre eles os seus 3 podios no Tour de Francia (2º en 2002 e 3º en 2000 e 2001).

Os interesados en participar no Desafío Volta Lugo 2018 poden formalizar a súa inscrición ata o vindeiro xoves, 17 de maio, a través da páxina web http://www.desafiovoltalugo.com/producto/inscripcion. Outra das novidades nesta edición é que todos os clubs ciclistas da provincia de Lugo poderán participar totalmente de balde, co obxectivo de promover o deporte base lucense.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo