A Xunta apoia a 909 empresas de diferentes sectores que mobilizaron preto de 104M€

A Administración autonómica apoiou no último ano a 909 empresas lucenses a través de diferentes programas de axudas que permitiron mobilizar na provincia de Lugo investimentos por valor de 140,2 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, fixo balance das achegas concedidas en 2018, que sumaron 42 millóns de euros. “A Xunta é con moita diferenza a Administración que máis está a investir e máis se está a preocupar pola saúde do tecido produtivo da provincia de Lugo”, salientou Balseiro, “destinando fondos a impulsar a actividade e mellorar a competitividade das nosas empresas”.

O delegado apuntou que na provincia de Lugo, “a Xunta presta especial atención a todas aquelas empresas que, dun xeito ou doutro, están relacionadas cos nosos sectores primarios e que son capaces de darlle valor engadido e saída á produción dos nosos gandeiros, agricultores e pescadores, que son un piar fundamental na economía lucense”.

O sector agrogandeiro tivo un peso específico dentro do conxunto das iniciativas respaldadas polo do Goberno galego. A Consellería do Medio Rural concedeu 34,4 millóns de euros en achegas a 562 empresas, que comprometeron investimentos por 110,5 millóns de euros, con especial atención aos plans de mellora de explotacións e ás empresas alimentarias, de comercialización e transformación dos produtos agrícolas e gandeiros.

Ao mesmo tempo, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) outorgou 154 achegas por valor de 2,7 millóns de euros a través dos diferentes programas que ten en marcha para facilitar os procesos de creación, consolidación ou crecemento empresarial, fomentando a mobilización de 10,7 millóns de euros.

Balseiro destacou tamén os fondos destinados ao sector do mar, “outra das locomotoras económicas da provincia”, que, segundo explicou, recibiu 2,5 millóns de euros en achegas a 17 empresas para investir 15,5 millón de euros. Así mesmo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria beneficiou en total a 152 empresas mediante os plans de apoio ao sector mineiro e outras liñas de axuda como as destinadas a pemes de nova creación, a mellorar a eficiencia enerxética ou a implantar enerxías renovables, entre outras (as achegas sumaron 1,9 millón de euros  e o capital mobilizado é de 3 millóns de euros).

Paralelamente, o programa de mellora de infraestruturas hoteleiras da Consellería de Cultura e Turismo chegou a 11 empresas luguesas con axudas por valor de 169.000 euros, e outras 13 foron beneficiarias de 134.000 euros en achegas do Plan Emega de Igualdade, que depende da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

“O goberno galego”, subliñou Balseiro, “non escatima esforzos á hora de colaborar con empresarios e comerciantes asentados na provincia de Lugo, que cada día se esforzan porque o seu negocio saia adiante, para contribuír a que podan mellorar a súa competitividade e favorecer que continúen a xerar riqueza, crear postos de traballo e axudar a fixar poboación na zona rural”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com