" />

A Xunta asinará convenios de colaboración para a prevención e loita contra incendios

A Xunta de Galicia asinará convenios de colaboración con 62 concellos da provincia de Lugo para que este verán poidan contar de novo con operativos municipais de prevención e loita contra os incendios forestais.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería do Medio Rural ofrece a cada concello tres posibles convenios para financiar a contratación do persoal que conforma as brigadas municipais, ou ben o funcionamento das motobombas ou, por último, a realización de tarefas de desbroces.

Os concellos poden adherirse a todas ou algunha das modalidades. Na provincia obtiveron apoio todos os que o solicitaron: 26 concellos recibirán as tres liñas de financiamento e outros 36 decidiron sumarse a dúas ou unha das liñas propostas; non solicitaron convenios Lugo capital, A Pontenova, A Pobra de Brollón, Ribas de Sil e Rábade.

O investimento principal vai destinado a sufragar os custos salariais dos traballadores das brigadas. Así, 48 concellos lucenses constituirán en total 62 brigadas, cun orzamento do Goberno autonómico de case 1,7 millóns de euros (o 57,5% do total). Darán emprego a 308 persoas, que traballarán tanto en labores de prevención como de extinción. O seu principal obxectivo, ademais de servir de unidade de primeira intervención en caso de incendio, é a limpeza das faixas de xestión de biomasa en terreos forestais de titularidade municipal.

En relación con este propósito, a segunda liña de axudas vai destinada aos labores de roza para previr os incendios ou reducir os riscos en caso de que se produzan. Os propios concellos participantes indican no seu plan de traballo a superficie sobre a que van actuar, e sobre ese dato calcúlase a axuda que lles corresponde.  Na presente campaña participan 54 concellos lucenses, que prevén limpar en conxunto 5.893 hectáreas cun orzamento de 766.705 euros (o 26%).

A terceira e última liña está pensada para garantir a operatividade das motobombas; adheríronse 35 concellos -con outros tantos vehículos-, que contratarán a un centenar de traballadores para este fin, cunha achega da consellería que suma 485.700 euros (o 16,5%).

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo