A Xunta cede ao Incio a antiga caseta de legoeiros para actividades culturais

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, formalizou hoxe a entrega a favor do Concello do Incio da antiga caseta de legoeiros emprazada no lugar de Trascastro, que a partir de agora será destinada a actividades de dinamización social e cultural.

O acto desenvolveuse na Casa do Concello, coa correspondente sinatura da recepción por parte do alcalde da localidade, Hector Corujo. Deste xeito, o municipio do Incio recupera para uso público este espazo, empregado antigamente polo persoal que se encargaba do coidado e mantemento das estradas e camiños públicos e que, na actualidade, perdeu a súa utilidade como elemento funcional da estrada.

“Trátase de poñer ao servizo da veciñanza, unhas instalacións que estaban sen uso e que poden ser aproveitadas como lugar de encontro polas persoas que residen nesta parroquia, en resposta á demanda que nos trasladou o alcalde”, explicou José Manuel Balseiro.

A entrega, prodúcese ao abeiro do convenio asinado pola Xunta de Galicia co Concello do Incio polo que se autoriza a cesión, a título gratuíto, deste inmoble valorado en preto de 22.000 euros. A antiga caseta dos legoeiros, emprazada na estrada LU-642 Ourol-Ferrería do Incio, consta dunha edificación principal de 114m2, un terreo de 242m2 e un galpón anexo de 38m2 de edificación.

O novo local, que pasará a formar parte do patrimonio municipal, poderá ser empregado unha vez acondicionado pola -asociación de veciños do lugar de Tracastro-, e usalo para reunións, charlas, cursos e distintas actividades lúdicas ou culturais.

Corresponderanlle ao Concello do Incio, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da edificación, así como o exercicio das funcións que puidesen corresponderlle como nova Administración titular.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com