" />

A Xunta colabora na posta en marcha de trece novas empresas na provincia

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou no último ano 776.000 euros a trece emprendedores lucenses para a posta en marcha doutras tantas novas empresas na provincia, que mobilizan un investimento global de 1,4 millóns de euros. As axudas corresponden aos programas Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, informou hoxe das liñas de impulso ao emprendemento que xestiona o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), acompañado por algúns dos últimos beneficiarios, que están xa materializando o seu proxecto. Participaron Teresa Calvo, de Calmega Mayores, que abre un centro de día no concello de Lugo; Iván Prado, de Arborejardin, que inicia tamén na capital unha liña de negocio para compostar restos de poda e similares; Héctor Silva, de Vigo10 Servicon, que instala en Monforte de Lemos unha consultora para empresas especializada en cuestións medioambientais; e Ana Fraga, de ProcessVet Laboratorios, que o vindeiro mes inaugura un laboratorio de anatomía patolóxica veterinaria en Burela.

Balseiro explicou que cinco empresas están situadas na comarca de Lugo -tres na capital, unha en Outeiro de Rei e outra en Portomarín-, outras cinco na Mariña -tres en Viveiro e dúas en Burela-, dúas en Monforte de Lemos e unha última en Samos. A axuda da Xunta supón como media o 53% do investimento subvencionado, aínda que oscila  segundo diversos criterios e, nalgúns casos, chega practicamente ao 100%.

A maioría dos proxectos acolléronse ao programa Galicia Rural Emprende, para a creación de empresas de actividades non agrícolas en zonas rurais. En Lugo foron 11 beneficiarios que suman 700.000 euros de axuda e un investimento mobilizado de 1.179.100 euros. A axuda consiste nunha prima básica de 20.000 euros que pode incrementarse ata un máximo de 70.000 euros, atendendo a criterios como o investimento realizado; de feito, na provincia alcanzaron a contía máxima sete das once propostas.

As outras dúas achegas corresponden ao programa xeral Galicia Emprende, que xa non require vinculación específica co rural; suman investimentos por valor de 274.300 euros e axudas por 76.300 euros. Resolveuse a primeira convocatoria da orde do 2019 e proximamente resolverase a segunda -para proxectos cun prazo máximo de execución ata o 15 de xuño de 2021-. Estas axudas oscilan entre o 20% e o 30% dos custos subvencionables (en Lugo unha recibe a porcentaxe máxima e outra o 27,5%).

O delegado territorial incidiu en que o emprendemento “é un dos aspectos nos que máis esforzos está a facer a Xunta de Galicia no marco das políticas activas de emprego, porque cremos firmemente na capacidade da sociedade galega de construír o seu propio futuro, e queremos colaborar ofrecendo o impulso financeiro que necesitan as boas ideas”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo