" />

A Xunta consolidará os restos da escaleira, o torreón e o alxibe do Castro de Viladonga

A Consellería de Cultura e Turismo consolidará nas próximas actuacións o restos da escaleira, o torreón e o alxibe que foron descubertos recentemente no Castro de Viladonga, no municipio de Castro de Rei.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o xacemento e sinalou “os valiosos achados que deixou a última campaña de escavacións”, na que se investiron preto de 200.000 euros. Apuntou que a aparición destes elementos “obrigou a escavar máis alá do que estaba inicialmente previsto no proxecto e condicionará tamén as intervencións dos vindeiros meses”.

Os traballos executados afectaron a unha superficie de 1.250 metros cadrados situados no sector nordeste do Castro, dos cales 100 foron de nova escavación e o resto actuacións sobre estruturas arqueolóxicas que foron exhumadas nos anos 70 e 80 do século XX para garantir a súa conservación.

O resultado é un percorrido máis accesible e completo, de forma que os visitantes poden ter unha mellor e máis segura experiencia na visita do castro. Así, a consellería acondicionou o paseo superior da muralla do castro, incluíndo a colocación de chanzos de madeira ben integrados na pendente existente e dunha varanda acorde co entorno.

Igualmente, as obras serviron para poñer en valor o corte existente no sistema defensivo do castro, de forma que se permita a visualización dos diferentes compoñentes estruturais da muralla e do foso. Ademais, executáronse as ramplas necesarias para mellorar a accesibilidade das zonas de actuación dentro do itinerario de visita do castro, e instaláronse nalgúns puntos varandas de madeira para maior seguridade.

Estas intervencións súmanse ás levadas a cabo entre os anos 2016 e 2017, nas que se investiron outros 200.000 euros, para corrixir as deficiencias detectadas no estudo de diagnose elaborado en 2015, que esixían dun proxecto de conservación preventiva.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo