A Xunta de Goberno Local de Lugo aprobou este luns o texto da ordenanza reguladora dos prezos públicos do Auditorio Fuxan Os Ventos, que será sometida á aprobación inicial no Pleno ordinario deste mes. Posteriormente abrirase un período de exposición pública antes da súa aprobación definitiva. Segundo informou o Goberno local, durante a consulta pública previa non se presentaron alegacións.
A normativa regula as condicións de uso das instalacións e as tarifas aplicables, e contempla exencións para actividades organizadas ou coorganizadas polo Concello e para aquelas que conten con patrocinio municipal. Tamén prevé bonificacións para iniciativas de carácter social, cultural, benéfico ou formativo.
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno concedeu licenza para a construción dun edificio con 18 apartamentos turísticos na rúa San Roque, cun investimento previsto de 1,68 millóns de euros, e aprobou a contratación dos servizos de xestión e actividades socioeducativas das Casas das Linguas e do Centro de Convivencia María Balteira, cun orzamento anual de 154.801 euros.
No ámbito das infraestruturas, deuse luz verde á licitación das obras de pavimentación e mellora de viarios en Santa María de Muxa, cun investimento de 156.008 euros, e aprobouse delegar na Alcaldía a sinatura das contratacións vinculadas ao PAI Novo Norte para axilizar a súa execución.
Por outra banda, saíu adiante o expediente para contratar a iluminación ornamental das festas de San Froilán e do Nadal, dividido en dous lotes cun orzamento conxunto de máis de 322.000 euros. A adxudicación valorará aspectos como a calidade, a orixinalidade e a adecuación das propostas aos espazos públicos.






