A Xunta de Voceiros aproba por unanimidade unha declaración institucional en defensa do lácteo

A Xunta de Voceiros celebrada a primeira hora deste luns aprobou por unanimidade unha declaración institucional en defensa do sector lácteo, proposta pola Alcaldesa, Lara Méndez, quen subliñou que, “máis alá de mocións e diferenzas políticas e, ante a manifestación convocada para o vindeiro xoves, demos un paso adiante, facendo un exercicio de responsabilidade das seis forzas políticas que formamos parte da Corporación”. A rexedora avanzou que o Goberno local sumarase á mobilización do xoves, no marco do “noso compromiso claro e decidido de priorizar o noso rural como eixo económico e forma de vida”, e tendo en conta que no municipio “existen 200 explotacións gandeiras que dan emprego a 500 persoas e a moitas máis de forma indirecta”.

Por outra banda, a Xunta de Voceiros acordou encargar un informe ao departamento municipal de Cultura sobre as orixes, funcións e historia da figura do Cronista Oficial de Lugo, así como dos cronistas existentes na provincia e no resto de Galicia, antes de continuar co proceso, ante “as dúbidas amosadas por algúns grupos municipais sobre a idoneidade de contar con esta figura institucional e a falta dunha postura clara a día de hoxe por parte doutros”, explicou a Alcaldesa.

O Goberno local defende a necesidade de nomear Cronista Oficial, tal e como subliñou a rexedora, como “unha figura institucional que poña en valor a historia, patrimonio e cultura tan importante de Lugo”, e tamén ten claro o proceso para a súa designación, que será “participativo e transparente”. Lara Méndez explicou aos voceiros o sistema, que consiste nunha primeira fase na que os cidadáns poderán facer propostas de nomes. De entre eles, “aos tres, catro ou cinco máis apoiados, preguntaráselles se queren ser Cronista Oficial. Unha vez obtido o consentimento dos candidatos, o nome sairá dunha votación popular aberta e pública”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com