A Xunta destina 277.000 euros para contratar 83 socorristas para praias e piscinas de 31 concellos lugueses

A Consellería de Emprego e Igualdade vén resolver a orde de axudas pola que colabora cos concellos na contratación de socorristas, que este ano suma 277.000 euros para realizar 83 contratos en 31 municipios lugueses.

Así o anunciou o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, quen explicou que o Goberno galego coopera coas entidades locais para cubrir estes postos no verán, durante un período de dous meses. Precisou que son os propios concellos os que teñen a competencia para contratar persoal de vixilancia e salvamento que garanta a seguridade nas praias marítimas e fluviais e nas piscinas.

Arias apuntou que o 60% dos contratos corresponden á comarca da Mariña, onde a Administración autonómica destina 169.500 euros a financiar 50 socorristas en 11 municipios. Así, Foz, Xove, Burela, Viveiro, Cervo, O Vicedo e Ribadeo contratarán a seis traballadores co apoio da Xunta; e A Pontenova, Mondoñedo, Ourol e Trabada terán dous cada un.

A cidade de Lugo recibe 12.400 euros para cubrir catro postos a través desta convocatoria. Outros dous concellos da mesma área, Guntín e Outeiro de Rei, benefícianse de dous cada un.

Na Zona Sur a Xunta inviste 32.000 euros para facilitar a cobertura de dez prazas en seis municipios: O Saviñao, Quiroga, Sober e Pantón terán dous socorristas cada un; e Taboada e Chantada un.

A Xunta tamén financia a contratación de socorristas nos tres concellos da Ulloa -dous en Antas de Ulla e un en Palas de Rei e Monterroso-; e nos municipios de Riotorto, Paradela e Cospeito -dous cada un -; así como en Meira, Láncara, Baralla, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro -un traballador-.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com