A Xunta destinou 15M€ a preto de 4.000 usuarios do Servizo de Axuda no Fogar

A Consellería de Política Social destinou este ano 15,1 millóns de euros a sufragar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas en situación de dependencia da provincia de Lugo. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, fixo hoxe balance deste recurso, que atende a preto de 4.000 usuarios na provincia de Lugo, case triplicando a cifra que se rexistraba no ano 2009.

Isto foi posible, explicou, grazas a un incremento dos recursos económicos destinados a este fin e a melloras na xestión como a posta en marcha do módulo extranet aos concellos e do Programa de Asignación de Recursos.

Só no último trienio –entre 2015 e 2018- os orzamentos autonómicos desta área aumentaron nun 19,4%, o que permitiu sumar progresivamente horas de atención que se distribúen entre novos usuarios. Por citar os casos máis recentes, a Consellería aumentou as horas dispoñibles na provincia de Lugo nun 7,5% en setembro de 2018, e en maio do 2017 nun 12,5%.

“Somos conscientes -afirmou o delegado- de que a evolución demográfica e o aumento da esperanza de vida obrigan ás administracións a multiplicar os recursos dirixidos á atención e coidado dos nosos maiores, e o SAF é un dos recursos mellor valorados polas persoas con dependencia, o máis demandado pola poboación maior que necesita algún tipo de axuda así como polas súas familias coidadoras”.

Balseiro lembrou que actualmente a Consellería sufraga na provincia preto de 2 millón de horas de prestación anuais (1.929.807). O apoio da Xunta permite que a totalidade dos concellos lucenses contraten aos profesionais que se encargan da atención de carácter persoal e doméstica das persoas maiores dependentes, para incrementar a súa autonomía persoal e calidade de vida, e para facer posible a permanencia no seu domicilio.

Paralelamente, a Consellería de Política Social financia outros servizos, como o de teleasistencia, residencias e centros de día ou, o máis recente, Bono Autonomía en Residencia, que consiste nunha axuda directa a aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de dependencia e estean á espera de acceder a unha praza nunha residencia pública.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo