A Xunta e os Bolechas achegan a Lugo a campaña de reciclaxe de residuos electrónicos

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achega hoxe e mañá á capital luguesa unha campaña divulgativa para concienciar sobre a importancia da reciclaxe de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), que conta coa colaboración dos Bolechas para as actividades dirixidas ao público infantil.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou este luns o punto informativo situado na Praza de Bretaña, que inclúe un apartado específico para os nenos e nenas, co obxectivo de sensibilizar dende idades temperás sobre a necesidade de mellorar as prácticas de reciclaxe.

Segundo salientou Balseiro, esta acción pretende incidir na importancia da correcta xestión dos residuos, nas boas prácticas de consumo e na responsabilidade de toda a sociedade no coidado do medio ambiente.

Esta iniciativa, que forma parte da campaña ‘O que se enchufa, recíclase’, percorre diferentes concellos galegos entre os meses de xuño e xullo. En cada unha das localizacións programadas móntase unha carpa con monitores especializados para informar a todas as persoas que se acheguen ata o posto sobre a reciclaxe dos RAEE. No interior da carpa instálase unha pantalla con xogos interactivos e tamén se proxectan vídeos informativos sobre o tema.

Esta actividade combínase coa Expedición RAEE dos Bolechas, que cubren o apartado de sensibilización dirixido ao público infantil. Así, os cativos e cativas desfrutan dunha xornada con música, xogos e teatro nun ambiente deseñado para captar a súa atención.

O punto informativo está hoxe e mañá na capital luguesa (na Praza de Bretaña, entre as 16,00 e as 22,00 horas) e dentro da provincia de Lugo tamén está previsto que os días 3 e 4 de xullo chegue ao concello de Viveiro, coincidindo coa celebración do ‘Resurrection Fest’.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com