A Xunta entrega diplomas aos participantes no obradoiro de emprego do Corgo, O Páramo e Guntín

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, entregou hoxe os diplomas aos participantes no obradoiro Ponte de Areas II xunto cos alcaldes do Corgo, José Antonio Ferreiro, e do Páramo, Gumersindo Rodríguez, e un representante do concello de Guntín, o terceiro dos concellos promotores.

Balseiro explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu 280.000 euros neste proxecto, no que se formaron 19 traballadores desempregados nas especialidades de Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.

O delegado destacou que os obradoiros ofrecen aos participantes formación e experiencia laboral, polo que supoñen unha oportunidade para reorientar a súa traxectoria profesional. Ademais, teñen tamén a vantaxe de realizar importantes obras e servizos en infraestruturas e dotacións municipais.

O obradoiro que hoxe se clausura comezou a actividade o pasado mes de setembro e neste tempo actuou sobre preto dunha decena de espazos públicos. Así, o Páramo contou con sete alumnos que acondicionaron a masa forestal do Campo da Feira e construíron un aparcamento público contiguo ao edificio de usos múltiples.

O Corgo achegou outros sete participantes que, entre outros labores, acondicionaron as antigas escolas de Maceda e Farnadeiros; fixeron unha limpeza e plantación na na praia fluvial do río Chamoso e na zona forestal do antigo coto escolar e un treito de beirarrúas na estrada N-VI.

Pola súa banda, Guntín contou con seis alumnos traballadores que limparon e desbrozaron o paseo fluvial do rio Ferreira e a zona forestal de Santa Uxea e puxeron en valor a antiga cámara agraria coa rehabilitación de fachadas e interiores para servizos municipais.

Balseiro lembrou que xa está en marcha unha nova convocatoria de obradoiros, coa previsión de que os novos proxectos se poñan en marcha no mes de setembro. En concreto, a Consellería convocou as axudas para obradoiros duais de emprego e os específicos para menores de 30 anos.

Os obradoiros duais combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo