A Xunta inviste máis de 500.000 euros na modernización de 16 cines

A Consellería de Cultura ven de  facer pública a resolución de concesión de máis de 500.000 euros en axudas para a modernización de 16 espazos de exhibición cinematográfica situados en 15 localidades galegas. Con este investimento, a Xunta cofinanciará ata o 80% dos proxectos de innovación, funcionamento dixitalizado e sustentable, captación e fidelización de públicos, e adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual destas salas de cinema, que suman 86 pantallas e unha capacidade próxima ás 16.500 butacas.

Atendéronse a través desta nova liña de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a totalidade das solicitudes que reunían os requisitos especificados na convocatoria, de xeito que a listaxe de espazos subvencionados está conformada por: Cinesa Marineda City da Coruña, Minicines Central da Estrada, Cine Avenida de Caldas de Reis, Multicines Bergantiños de Carballo, Duplex Cinema de Ferrol, Codex Cinema de Lugo, Cines Hollywood de Monforte de Lemos, Odeón Multicines de Narón, Multicines Ponte Vella de Ourense, Cinexpo Vialia de Pontevedra, Multicines Barbanza de Ribeira, Cinesa As Cancelas e Numax de Santiago de Compostela, Cines Plaza Elíptica de Vigo, Multicines Gran Arousa de Vilagarcía de Arousa e Cines Viveiro.

Axudas de ata 48.000 euros

Os adxudicatarios percibirán contías que se sitúan entre os 21.600 e os 48.000 euros, en función do seu número de pantallas, para desenvolver os seus proxectos antes do 20 de abril de 2023 en relación cun ou varios dos tres eixos preestablecidos: dixitalización e aplicación de novas tecnoloxías, medidas de desenvolvemento sustentable e impacto ambiental positivo, e captación e fidelización de públicos, así como innovación tanto na programación como na circulación de producións europeas e en linguas oficiais de España.

Con esta nova adxudicación, a Xunta reforza o seu investimento no ámbito da exhibición cinematográfica respecto a 2021, ano no que 18 cinemas de 13 localidades foron destinatarios dunha convocatoria dotada con 350.000 euros para contribuír á súa viabilidade. Recoñecíase así o papel fundamental destes establecementos para o conxunto do sector audiovisual, nun momento no que a crise sanitaria supuxo unha forte diminución dos seus ingresos directos, non só polas restricións aplicadas, senón tamén polos cambios de hábitos no consumo audiovisual derivados do crecemento das plataformas dixitais.

Preto de 4,4M€ en infraestruturas e equipamentos

Ademais, a convocatoria de 2022, xestionada ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU, entronca nos seus obxectivos con outras tres canles de axudas xestionadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para contribuír á modernización e xestión sustentable dos espazos e as empresas culturais de Galicia cun investimento conxunto de preto de 4,4 millóns de euros.

Neste sentido, os 500.000 euros adxudicados ás salas de cinema veñen sumarse aos máis de 2 millóns de euros da liña destinada a espazos de exhibición escénica e musical, tamén no marco dos Fondos Next Generation. O pasado mes de maio resolveuse a súa primeira quenda coa concesión de 1,2 millóns de euros a 46 teatros, auditorios e salas de toda Galicia, mentres que o pasado 4 de novembro publicouse a segunda convocatoria cunha nova achega de 880.000 euros. Ao tempo, atópanse en tramitación as axudas para a adquisición de equipamento por parte de empresas privadas e de persoas autónomas do sector cultural galego, dotadas con 1,3 millóns de euros a través do Hub Audiovisual da Industria Cultural.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com