" />

A Xunta licita novas obras de mellora na Muralla

A Consellería de Cultura e Turismo licita hoxe na plataforma de contratación da Xunta de Galicia dous contratos de obras a executar proximamente na Muralla de Lugo por un investimento global de máis de 602.000 euros.

Así, por unha banda publícase a licitación das obras de consolidación estrutural do cubo VII e do lenzo interior da súa contorna inmediata, que teñen un orzamento de 324.000 euros, e por outra, o contrato de conservación e mantemento para o vindeiro ano, por importe de 278.500 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que as empresas interesadas a optar a estes contratos teñen de prazo ata o día 28 para presentar ofertas. “Unha vez máis -afirmou-, ponse de manifesto o compromiso da Xunta co patrimonio cultural de Lugo e, en concreto, coa Muralla romana, na que se suceden os investimentos encamiñados a garantir a súa protección e integridade, acorde a súa condición de Patrimonio Mundial”.

As obras no Cubo VII -situado preto da Porta do Bispo Odoario- consistirán na escavación con intervención arqueolóxica do cubo a nivel do adarve, para resolver as filtracións de humidades e as gretas verticais; colocarase unha lámina xeotextil para a mellor protección dos elementos interiores, entre eles a escaleira, e executarase un novo recheo.

Ademais, está prevista a demolición da estrutura de formigón armado dun antigo centro de transformación existente no recinto interior da Muralla, así como a desmontaxe e retirada dos aparatos eléctricos e a escavación da área.

A zona de actuación alcanza tamén a unha franxa de dous metros no xardín exterior da Muralla, na que se profundizará ata a cota orixinal romana. Durante os traballos, realizarase un levantamento topográfico en 3D das estruturas romanas que se atopen.

Polo que respecta ao contrato de mantemento da Muralla, ten por obxecto acometer labores de conservación dos lenzos, tanto exteriores como interiores, así como do adarve e das escaleiras e solucionar posibles incidencias que requiran de reparacións de solados, fábricas e albardillas. Tamén se restauran elementos como revocaduras, estruturas metálicas ou varandas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo