A Xunta licita por 270.000€ a restauración da igrexa de San Vicenzo de Pombeiro

A Xunta licita por 270.000 euros a realización de actuacións de conservación e mantemento na igrexa de San Vicenzo de Pombeiro, en Pantón. O templo, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), é un dos mosteiros máis relevantes da Ribeira Sacra na época medieval e está considerado como unha das xoias do románico en Galicia.
Segundo a contratación publicada hoxe, as actuacións que se levarán a cabo no templo permitirán reducir a presenza de humidades e a entrada de auga a través da cuberta, así como mellorar a carpintería das ventás, o estado das fachadas así como a sancristía ou o
acceso a través do adro. Así pois, entre as actuacións que se levarán a cabo destaca a substitución da actual cuberta, a eliminación de humidades nas bases dos muros ou a execución de novas carpinterías nas fiestras que garantan a ventilación.
Do mesmo xeito, renovaranse os rexuntados das fachadas exteriores, reordenarase o espazo da sancristía substituíndo a porta de entrada e peche e renovarase a pavimentación do espazo do adro para facilitar o acceso. O prazo de execución dos traballos será de seis
meses desde o inicio das actuacións.

Retablos de comezos do século XVIII
A igrexa de San Vicenzo de Pombeiro, ao igual que outros mosteiros da zona, tivo as súas orixes na Alta Idade Media, cando os anacoretas poboaron as terras da Ribeira Sacra. En concreto, data do último terzo do século XII e da primeira metade do século XIII. Conta cunha planta basilical de tres naves e cabeceira tripla. De fábrica románica conserva a cabeceira e parte dos muros perimetrais das naves, tanto ao interior como ao exterior.
No seu interior atesoura elementos moi destacados, como o conxunto de retablos, especialmente o maior, de principios do século XVIII, vinculado ao obradoiro de Francisco Castro Canseco, e o ciclo de pinturas murais que se descubriron no 1996, que foron
restauradas pola Xunta a través da dirección xeral de Patrimonio cultural e que representan a Santa Cea, as lamentacións sobre o cristo morto, o xuízo final así como outras escenas como o nacemento de cristo ou Santa Ana.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com