A Xunta mellorará 55 centros escolares da provincia

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional destinará este verán preto de 900.000 euros adicionais dirixidos a impulsar novas obras de reforma e melloras en 55 colexios e institutos da provincia de Lugo. Trátase dunha achega complementaria ás obras xa previstas como reforma integral e mellora da eficiencia enerxética e que tamén se executarán este verán.

Os traballos prográmanse cada verán, aproveitando as vacacións do alumnado, para así evitar interferir no ritmo diario do curso escolar. Son obras, deseñadas en función da súa prioridade pola unidade técnica de acordo coas direccións dos centros, dirixidas a poñer a punto as instalacións de cara o vindeiro curso.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que as obras proxectadas son de tipoloxía moi variada, en función das necesidades de cada centro, pero todas elas responden a traballos de reforma, conservación e mellora, ou a iniciativas dirixidas a afrontar continxencias que precisaban que finalice a actividade docente.

42 colexios e 13 institutos

As obras que se executarán este verán distribúense por toda a provincia repartidos entre os máis de 623.000 euros previstos en 42 colexios de educación Infantil e Primaria e os máis de 256.000 euros que se investirán en 13 institutos de ensino secundaria, bacharelato ou formación profesional.

Por comarcas hai previstas actuacións en oito municipios da zona centro da provincia (Lugo, Sarria, A Ulloa) e en case unha vintena de centros educativos por importe de 328.000 euros. Na Mariña actuarase en trece colexios e catro institutos distribuídos en nove concellos e con achegas que superan os 277.000 euros. Na zona sur hai previstas obras en oito concellos e dez centros escolares con achegas de 127.300 euros. E, finalmente, a Terra Chá e Meira concentran en cinco colexios e catro institutos con investimentos por valor de 162.000 euros.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com