A Xunta planifica a ampliación do parque empresarial de Muimenta

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que a Xunta planifica unha ampliación do parque empresarial de Muimenta, no concello de Cospeito, de preto de 145.000 m² distribuídos nun total de 54 novas parcelas.

Así, explicou que o Plan sectorial de ordenación territorial de áreas empresariais recolle esta actuación, que suporá definir unha área empresarial para Muimenta e a súa comarca cunha superficie total de máis de 180.000 m².

O parque de Muimenta, que leva en funcionamento desde o ano 1999, conta cunha superficie de 37.000 m² distribuídos en 22 parcelas que xa están vendidas, polo que a falta de superficie dispoñible xustifica a ampliación do mesmo, segundo explicou a conselleira.

Así, durante a visita detallou que a ampliación se executará en tres fases, para sumar en total case 145.000 m² . Na actualidade, recordou que xa se están a impulsar as obras relativas á primeira fase, licitadas no mes de febreiro por 1,3 millóns de euros e que suporán a construción de 15 novas parcelas de entre 700 e 1.525 m² .

O contrato, que se prevé adxudicar en xuño, inclúe o proxecto de urbanización, a electrificación, o alumeado público e a definición dun novo acceso ao parque para ordenar os tráficos procedentes da estrada LU-120. Tamén se definirán zonas verdes, estruturas viarias e mobiliario urbano para integrar e humanizar esta zona.

Pola súa parte, o alcalde de Cospeito, Armando Castosa, subliñou a importancia da obra para Muimenta, para o concello e “para toda a comarca da Terra Chá”. “Esta ampliación esperamos que se encha pronto de empresas, de feito hai xa tres ou catro solicitudes, e o que vai traer é riqueza económica e creación de emprego”, asegurou, destacando á vez a importante actuación paisaxística prevista para dotar ao polígono “dunha gran zona verde”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com