" />

A Xunta ratifica o informe desfavorable ás piscinas fluviais

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ratifica o informe desfavorable ás piscinas fluviais no río Miño en Lugo porque se confirma a abundante presenza de especies de mexillóns protexidas e o alto valor ecolóxico da zona.

O Servizo de Patrimonio Natural de Lugo recibiu o pasado día 1 de setembro a documentación da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil coas alegacións e a nova documentación presentadas polo Concello de Lugo. Nela, o concello confirma que as instalacións situaríanse sobre colonias de mexillón de entre 3060 e 3780 exemplares. Habería que engadir o espazo comprendido entre as plataformas e a beira, que calculando unha zona mínima de 200 metros cadrados arroxa o saldo doutros 4000 exemplares.

As cifras resultantes dun conteo exhaustivo para unha posible translocación dos mexillóns poden ser dun orde tres ou catro veces superior aos dunha mostraxe, xa que hai sumar os exemplares que non se detectan por estar enterrados no substrato, polo seu pequeno tamaño (nas primeiras etapas de desenvolvemento) ou pola turbidez da auga.

En todo caso, o Servizo de Patrimonio Natural apunta “que o número exacto de mexillóns non é a cuestión principal, senón o feito de que esa área constitúe un hábitat idóneo que aloxa unha colonia abundante de dúas especies protexidas de bivalvos fluviais que se poñen en risco, afectando ademais durante o período reprodutor destas especies”.

Na mesma liña, a Sociedade Galega de Historia Natural trasladou á Xunta a súa oposición ao proxecto. No seu escrito, aseguran “que afectaría de forma grave aos valores naturais desta Zona Núcleo da Reserva de Biosfera Terras do Miño, sendo contraria aos obxectivos e fins que para as zonas núcleo determina a UNESCO, pois perturbaría as biocenosis e a dinámica do río, rompendo o continuo ecolóxico fluvial que debería asegurarse en todo momento”.

En relación á posible translocación dos mexillóns, sería precisa unha xustificación documental da imposibilidade de cambiar o proxecto das piscinas fluviais ou o seu emprazamento, é dicir, demostrar a necesidade da excepción de conservación in situ das especies protexidas.

Tamén tería que estar xustificada a viabilidade dos traballos que se pretendan realizar cos exemplares. Sen esquecer que tales traballos de mostraxe e translocación serían de obrigada reiteración todos os anos, dado que as piscinas están concibidas como unha instalación temporal nos meses de verán durante os vindeiros 25 anos.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo