A XX Mostra de Teatro Clásico chega en marzo a Lugo

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, presentou hoxe a XX Mostra de Teatro Clásico, que este ano contará con 10 representacións que se estenderán durante todo o mes de marzo. “A mostra nesta edición estará máis concentrada no tempo para facer máis doada a afluencia de público e a difusión e publicidade”, indicou Maite Ferreiro.

“Quixemos facer unha aposta por aquelas compañías galegas que se atreveron neste pasado ano a producir obras clásicas, sendo 5 as obras de compañías galegas que se representarán na Mostra”, indicou Maite Ferreiro, que engadiu “as outras 5 pezas que se representaran nesta mostra veñen abaladas por éxito de crítica e público”.

A XX Mostra de teatro clásico comezará o venres, 6 de marzo ás 20:30, con As Bruxas de Macbeth, de Antonio Álamo, interpretada por Atalaya Teatro / Centro Internacional de Investigación Teatral TNT, gañadores do Premio Nacional de Teatro 2008. Un espectáculo que divirte e belisca por igual. A representación durará 60 minutos e contará coa dirección de Ricardo Iniesta. Estará interpretada por Marga Reyes, Carmen Gallardo, Aurora Rosales e Luís Navarro.

O 10 de marzo, o Vello Cárcere acollerá Complexo de Edipo, dirixida, escrita e interpretada por Quico Cadaval. O Edipo é tan propio xa de Cadaval que chega a presentalo dicindo que o “público europeo coñece mellor a versión do ribeirán que a orixinal do inmortal Sófocles”. Gastronomía, épica, alta cultura, dixomedíxomes, psicanálise, noticias sorprendentes sobre a monarquía española. Todo iso dá como resultado un monólogo traxiridículo. Ten unha duración de 85 minutos.

O xoves 12, representarase Medida por Medida, de William Shakespeare, interpretada por Producións Teatrais Excéntricas. Acontece nunha Viena surrealista inventada por Shakespeare. Ten unha duración de 110 minutos e está recomendada para maiores de 13 anos. Conta coa dirección de Quico Cadaval e a interpretación de Evaristo Calvo, María Costas, Melania Cruz, Victor Mosqueira, Josito Porto, Santi Romay e Patricia Vázquez. O día 13 será a quenda de Ay Teatro, baixo a dirección de Yago Cáceres e coa interpretación de Alba Banegas, Antonio Hernández, Son López, Carlos Lorenzo e Diego Morales interpretarán Todas Hieren y Una Mata. Esta representación ten unha duración de 90 minutos, sen descansos.

O venres 13 ás 18:30 terá lugar a primeira representación para público familiar. Pedras de cartón, baixo a dirección de Pablo Sánchez e Laura Sarasola, e coa interpretación de Xosé Manuel Esperante, Xosé Vilarelle e Juan Rodríguez mostrarán o Lázaro de Tormes, un espectáculo baseado no coñecido clásico da literatura, por primeira vez contado case sen palabras. Un espectáculo para toda a familia narrado en clave de comedia a través dun coidado traballo de máscaras. Ten unha duración de 50 minutos.

O 15 de marzo, Estudo Momento, baixo a dirección de Xoán Carlos Mejuto e Iria Ares e coa interpretación de Xoán Carlos Mejuto, Luís Iglesia, Iria Ares, Carlos Sante e David Perdomo traerán Macbeth. O Ruído e a Furia, de William Shakespeare, coa adaptación en verso de Manuel Lourenzo. Unha viaxe á chaira escocesa, neboenta e insegura. Feiticeiras, retranqueiras e ministras do fado, manipuladoras dos máis bravos guerreiros. Conta cunha duración de 100 minutos.

O xoves 19, Miguel Borines, Victoria Teijeiro, Marián Bañobre, Raquel Espada, Víctor Mosqueira, Santiago Cortegoso e Xosé M. Esperante, dirixidos por Santiago Corteogoso de Ibuprofeno Teatro, representarán Casa O´Rei, de Santiago Cortegoso. Dura 95 minutos. O venres 20 é a quenda de Noviembre Teatro e a Compañía Nacional de Teatro Clásico, con Arturo Querejeta, Isabel Rodes, José Ramón Iglesias, Rafael Ortiz, Manuel Pico, José Vicente Ramos, Elena Rayos, Antonio de Cos e Francisco Rojas, dirixidos por Eduardo Vasco, que interpretarán Entre Bobos Anda el Juego, versión de Yolanda Pallín da obra de Rojas Zorrilla. Ten unha duración de 85 minutos.

Ao día seguinte, 21 de marzo, Tropos, Teatro de Títeres trae unha nova representación para público familiar, Y los Sueños, Sueños Son, de Calderón de la Barca, que conta coa dirección de Guillermo Gil Villanueva e a interpretación de Paco Úbeda e Guillermo Gil Villanueva. Dura 50 minutos.

A XX Mostra de Teatro Clásico remata o domingo 22 de marzo con Ricardo III de William Shakespeare, versión libre de Miguel del Arco e Antonio Riojano interpretada por El Pavón Teatro Kamikaze, Premio Nacional de Teatro 2017, coa dirección de Miguel del Arco e Álvaro Báguena, Chema del Barco, Israel Elejalde, Alejandro Jato, Verónica Ronda, Cristóbal Suárez e Manuela Velasco no escenario. Os directores adaptan libremente ao noso tempo este clásico nunha versión libre de 120 minutos de duración.

Todas as representacións para público adulto comezarán ás 20:30 horas, mentres que as destinadas a público familiar comezarán ás 18:30.

Dende a área de Cultura poñeranse á venda bonos para 7 representacións por 35€ na zona A e 26,25€ na zona B do auditorio. As entradas para as representacións individuais custarán 8 e 6 euros en cada zona. As persoas en paro, menores de 30 anos, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG poderán adquirilas por 5 e 3,75€ segundo a zona. As obras para público familiar non están incluídas nos bonos, e teñen un prezo único de 5€ por entrada.

Os bonos e as entradas poderán mercarse na Oficina Municipal de Turismo ou no portal web entradaslugo.es. O último día para mercar bonos será o 5 de marzo. As entradas poderán mercarse na web e na Oficina Municipal de Turismo ata 3 horas antes do comezo de cada función, e na entrada do auditorio dende hora e media antes.

Complexo de Edipo, de Quico Cadaval, que se representará no Vello Cárcere, terá entrada gratuíta até completar a cabida.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com