Aberto o prazo de inscrición para a VI Aceleradora ViaGalicia

A sexta edición da aceleradora ViaGalicia vén de convocarse coa apertura do prazo de inscrición dos proxectos. Os emprendedores interesados en participar nesta iniciativa, que impulsan a Xunta e a Zona Franca de Vigo, poden presentar a súa solicitude desde hoxe e ata o próximo 1 de abril na páxina web www.viagalicia.gal.

Nesta edición valoraranse os plans de negocio que demostren maior fortaleza no seu sector e maior capacidade para xerar emprego e riqueza no territorio galego, así como aqueles que teñan capacidade de achegar valor engadido ao
tecido empresarial galego, de dinamizar os sectores estratéxicos e de consolidarse no mercado. O comité para a selección dos proxectos tamén terá en conta as aptitudes do equipo e o seu potencial para atraer investimentos, entre outros.

O orzamento que se destinará á sexta edición de ViaGalicia alcanza os dous millóns de euros para poder prestar aos emprendedores seleccionados formación, mentoring, tutorización e espazos de coworking e, ademais, financiamento para aquelas startups que cheguen á fase de aceleración.

Unha vez que remate o período de presentación dos proxectos, levarase a cabo unha primeira escolla dun máximo de 80 proxectos entre as dúas sedes de ViaGalicia (Vigo e Lugo) que poderán participar na Startup Day. Nesta xornada avaliaranse as habilidades dos emprendedores para seleccionar ata 40 proxectos (20 por sede) para a súa pre-aceleración durante a fase de Academia que durará sete semanas. Neste período os participantes recibirán formación sobre as ferramentas e coñecementos necesarios para mellorar o seu modelo de negocio e a comunicación da súa proposta de valor.

Posteriormente, na Demo Day, os emprendedores seleccionados defenderán o seu proxecto ante o Comité Técnico, formado por expertos de ViaGalicia e por representantes das entidades colaboradoras, que escollerán ata un máximo de 15 plans e que serán os que pasen á fase de Aceleración que terá unha duración de seis meses e terá lugar no Centro de Negocios do Parque Empresarial Porto do Molle, en Nigrán. Os seleccionados, co apoio dun experto, un equipo de titores e mentores, prepararán a presentación das súas iniciativas  empresariais en futuras roldas de investimento. A sexta edición de ViaGalicia rematará coa celebración do Investors Day, unha xornada na que defenderán os seus proxectos ante as empresas, colaboradores e fondos de investimento.

A aceleradora ViaGalicia púxose en marcha en 2013 e desde entón contou cun investimento de 8 millóns de euros que permitiu o impulso de máis de 160 proxectos. En total, formalizáronse 68 empresas xerando 340 novos empregos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com