ACE afirma que a conformación do goberno local sofre “de inacción e parálise política”

Alternativa Cidadá de Esquerdas expresou hoxe a súa preocupación “polo que son xa corenta días de desamparo cidadán ante a parálise política que está a sufrir Lugo dende as eleccións municipais. Os grupos electos están a centrar a súa actividade dende o 24 de maio en facer e discutir propostas sobre as súas propias remuneracións económicas e número de asesores e persoal de apoio cos que contarán, mentres amosan unha total falta de iniciativa política no referente aos problemas considerados por todos urxentes durante a campaña electoral, como o urbanismo, a precariedade laboral ou a participación cidadá”, apuntou o concelleiro de ACE, Carlos Portomeñe.

A pobreza infantil e a exclusión social é un dos temas que ACE considera prioritarios “e que non poden agardar a que os concelleiros electos se poñan de acordo en canto aos temas internos do Concello”. Portomeñe explicou que “os 17.000 lucenses en risco de exclusión social dos que tanto se acordaron tódolos partidos durante a campaña electoral seguen a agardar medidas políticas que resolvan a súa situación. A parálise municipal está a impedir incluso que se poidan emprender solucións para os problemas máis inmediatos das familias sen recursos, como por exemplo a apertura en época estival dos comedores escolares”.

Semella que a vida cotiá dos lucenses estase a ver afectada polo estancamento político local, pois “ata o que parecen nimiedades, como a celebración de actuacións culturais na rúa, tan habituais agora no verán, son imposibles de levar a cabo sen a autoridade competente ante a que presentar os permisos, e estamos comezando a recibir queixas de locais de hostelería nese sentido”, explica Portomeñe.

“Á inacción gubernamental súmase a situación precaria na que se atopan as novas forzas da oposición como ACE, que non teñen asignado o local que lles corresponde para poder traballar e recibir a colectivos sociais, e que só teñen acceso á información do que está a pasar no Concello a través da prensa”.

Por esta razón, Alternativa Cidadá de Esquerdas anima á nova Alcaldesa a que se sente con todos a falar de contidos políticos. “Ata o de agora os membros da oposición temos tan pouca idea do que será o futuro do Concello como o resto dos cidadáns, e esta desinformación dificulta a democracia,imposible sen o traballo de control que nos toca facer”, apunta Portomeñe.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com