ACE afirma que non pactará co bipartidismo, mentres os socialistas insisten en presentar a Orozco como candidato

A formación Alternativa Cidadá de Esquerdas anunciou esta mañá por boca do seu cabeza de lista, Carlos Portomeñe, que non pactará co bipartidismo presente ate o de agora no Concello de Lugo, a excepción de acordos puntuais en políticas concretas. Ademais no caso do PSOE, sempre e cando o partido renuncie a presentar ao alcalde en funcións, José López Orozco. Esta proposta non parece ter moito recorrido, se nos atemos ás das declaracións desta mañá do voceiro dos socialistas, Luis Álvarez, que reiterou a intención do partido de non sentarse a pactar con ninguén que esixa como premisa á renuncia do candidato socialista.

Na rolda de prensa ofrecida pola formación, participou tamén Vanessa Somoza, número catro da lista de Alternativa Cidadá de Esquerdas, quen fixo unha valoración dos resultados acadados nas pasadas eleccións municipais. Nela destacou a suba de votos por parte da formación, aínda que amosou a súa insatisfacción pola imposibilidade de gobernar no consistorio. “Aínda que non poderemos gobernar, daremos voz a xente que nos elixiu, e continuaremos cos movementos na rúa”, sinalou Somoza.

Destacaron asemade que a primeira hora da mañá de hoxe, na que tivo lugar o reconto definitivo de votos, a mesa electoral de San Xillao aínda non recollía os votos acadados por ACE, nomeadamente 26, “que aínda que non afectarían ao resultado, chaman a nosa atención xa que en catro anos isto pasou dúas veces na cidade, e as dúas veces este erro produciuse con Esquerda Unida”, apuntou Portomeñe.

Tamén amosaron a súa satisfacción por acadar un concelleiro en Vilalba, “cousa histórica” segundo afirmou Portomeñe, e outro en Viveiro.

Falaron por último do desgaste do bipartidismo na cidade, e “do modelo económico creado en Lugo, en virtude de grandes obras pantasma, fronte as necesidades reais dos lucenses”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com