" />

ACE denuncia un uso electoralista do PSOE nas ofertas de emprego público

Alternativa Cidadá de Esquerdas denunciou públicamente “o uso electoralista das ofertas públicas de emprego por parte do PSOE de Lugo”, debido a que o pasado sábado 2 de maio a Diputación de Lugo publicaba no BOP unha convocatoria de prazas para cubrir o persoal necesario, para a posta en funcionamento a finais de ano, de dous centros da terceira idade dependentes da administración provincial, un en A Fonsagrada e outro en Castroverde.

ACE explica que o prazo para a presentación de solicitudes, de escasos cinco días, remata este venres, e a data do exame é inminente e coincidente co auxe da campaña electoral, o 18 de maio, deixando pouco máis de dúas semanas aos solicitantes para a preparación do temario, que acaba de facerse público.

ACE afirma que “se trata dunha convocatoria no mellor dos casos oportunista con vistas aos resultados electorais, que xoga coa extrema necesidade dos lucenses desempregados de atopar traballo, e no peor dos casos dunha oferta pantasma, xa que os aspirantes que pasen o exame non teñen dereito a un posto de traballo con data de contratación fixada, senón a un posto no listado de persoal á disposición da Diputación cando a mesma considere oportuno contratalos”.

Citando textualmente o prego do BOP, “A inclusión na lista non producirá ningún outro dereito que o de ocupar o posto o que se aspire no momento que se decida pola organización dos centros de atención a terceira idade, comprometéndose SUPLUSA (Sociedade Urbanística Provincial de Lugo) a que a cobertura das prazas do organigrama de persoal actual sexa cuberta dende o listado correspondente e na orde establecida polo resultado das probas de selección correspondentes”.

O candidato á alcaldía de Lugo por ACE, Carlos Portomeñe, afirma que o presidente da Diputación de Lugo, Gómez Besteiro “parece estar posuído polo espíritu de Cacharro”, pois fai continuismo nas políticas que desenvolve,  “pois levan anos prometendo a apertura de toda unha rede de centros para anciáns en toda a provincia e aínda seguimos agardando por ela.”

Tal e como se indica no citado prego, “o inicio da contratación do persoal realizarase en función das necesidades de SUPLUSA e coa posta en marcha dos centros de atención a terceira idade de Castroverde e A Fonsagrada, que está prevista para o ultimo trimestre do ano 2015”.

Segundo Portomeñe, “non pode ser casual que xusto se convoque unha oposición para dous centros que aínda non están en funcionamento en metade dun proceso electoral no que o PSOE se xoga a perda do poder na capital”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo