" />

ACE-EU cre prioritario manter unha escola municipal de música 100% pública

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida cre que a prioridade do goberno local debe ser manter unha xestión 100% pública da Escola Municipal de Música, pois ve no seu modelo de xestión a clave do seu éxito. “A Escola Municipal de Música é determinante na universalización do ensino musical no municipio e na democratización do acceso ao mesmo, non permitiremos que a súa labor e calidade se degraden acudindo a privatizacións directas ou encubertas”, advirte Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU, ante o momento de crise que está a experimentar este servizo debido á sentenza xudicial contraria á que o persoal da Banda Municipal exerza a docencia na Escola de Música.

ACE-EU preguntará na vindeira Comisión na que se tratan os temas da Área de Goberno de Educación pola “argumentación utilizada polo Concello de Lugo no seu recurso de casación contra a devandita sentenza, recentemente inadmitido polo Tribunal Supremo”, así como para saber cales serán os vindeiros pasos xurídicos que dará a administración local tras esta inadmisión. “A alcaldesa fiou toda a súa estratexia para manter a Escola de Música durante o actual curso académico sen ningunha interrupción a esgotar e dilatar o máximo posible os prazos xudiciais, pero están fracasando no seu intento e a continuidade corre evidente perigo nos próximos meses”, apunta Portomeñe. “Queremos saber se o goberno municipal contempla alternativas a estas actuacións improvisadas e erradas e que solucións se propoñen dende os departamentos competentes para conservar o funcionamento deste exemplar servizo municipal sen renunciar á xestión directa con persoal público”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo