" />

Ace-Eu opónse ao proxecto da Pasarela sobre a N-VI

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida opónse ao proxecto de case 900.000€ presentado onte pola alcaldesa de Lugo para construir unha pasarela peonil que unirá a zona próxima ao centro comercial Carrefour e o aparcamento do estadio de fútbol Anxo Carro, por consideralo irracional e de custe desproporcionado. Tal e como está proxectada, esta pasarela non servirá, segundo indica a agrupación, ao obxectivo de integrar o casco histórico co río Miño, senón que simplemente será utilizada por unha parte dos seareiros do Club Deportivo Lugo para asistir aos partidos cada quince días durante a tempada deportiva, o que é un uso testemuñal para o alto custe e impacto desta infraestrutura.

Ademais, realizar esta obra con cargo á subvención europea do Plan Muramiñae, cuxa finalidade é a unión da área urbana coa contorna fluvial, podería considerarse ata un fraude da subvención, por destinarse a un uso (facilitar o acceso seguro da hinchada ao campo de fútbol) que non ten nada que ver co disfrute do Miño.

“Non ten sentido que ninguén que pretenda baixar ao río a pe ou en bicicleta escolla un itinerario que remata nun aparcamento afastado do Miño. Unha vez na rotonda da gasoliñeira onde se collería o acceso a esta pasarela existen diferentes opcións moito máis rápidas para chegar ao Miño. Usar uns cartos europeos que deberían servir para mellorar o disfrute de toda a cidadanía da privilexiada contorna fluvial que temos a sorte de ter en Lugo, nunha pasarela de utilidade tan limitada e para algo que non ten que ver co Miño é un engano tanto á cidadanía como ás autoridades europeas, ademais dunha indecencia, tendo en conta a cantidade exorbitada de cartos que se pretende destinar a ela”, afirma Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

“Eu son un dos socios do C.D. Lugo que baixa andando a ver os partidos, pero non podo anteponer a miña condición de siareiro á de cidadán solidario e responsable. Ademais, esta pasarela non vai dar sequera solución aos problemas de acceso aos partidos, xa que moitas das persoas baixan por A Cheda”.

Para ACE-EU, se o único xeito posible técnicamente de realizar a pasarela sobre a N-VI é con este itinerario, o máis sensato sería desistir de construila e estudar o xeito de solucionar as demandas dos siareiros mediante outras vías máis racionais, como o transporte público ou a mellora doutros accesos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo