Ace-Eu pide modificar o PXOM para adaptalo á protección do Camiño Primitivo

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida alertou hai dúas semanas de que tódalas intervencións plantexadas polo goberno local dentro da Estratexia DUSI para conectar a cidade co Miño invaden o ámbito de territorio histórico do Camiño Primitivo, que está catalogado como BIC (Ben de Interese Cultural) segundo o que dita a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, polo que se estaría incumprindo a legalidade executando os devanditos proxectos sen a autorización expresa da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

O executivo local non tivo en conta a especial protección deste espazo nos estudos de viabilidade encargados, e nin sequera o propio PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) de Lugo está adaptado á delimitación oficial do Camiño Primitivo, aprobada por decreto autonómico en 2012, polo que ACE-EU solicitará no vindeiro Pleno ordinario a modificación do Plan Xeral para solucionar a grave situación de desprotección na que se atopa un Patrimonio da Humanidade como é o Camiño Primitivo.

Tamén é unha obriga legal de tódolos concellos polos que pasan as rutas dos Camiños de Santiago a adaptación do seu planeamento urbanístico para incorporar a delimitación definitiva da súa traza e territorio histórico, así como establecer as determinacións específicas para o seu réximen de conservación, polo que ata o momento o Concello de Lugo estivo incumprindo a legalidade.

“Tanto a nova delimitación como os requisitos de conservación poden facer que o PXOM varíe notablemente na zona do Barrio do Carme, cuxo Plan Especial de Reforma Interior (PERI) podería ter que converterse en Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI), coma no caso do casco histórico. Iso cambiaría sustancialmente as delimitacións de viario e dos ámbitos edificatorios, e por esa complexidade cremos que o procedemento de modificación do PXOM debe iniciarse polo Barrio do Carme, pois a súa recuperación e correcta conservación é unha prioridade”, explicou Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

“Os proxectos da pasarela que leva ao Anxo Carro, a ampliación do paso soterrado, a reforma da volta da Viña, a descontaminación e posta en valor do barrio do Carme, moitos dos tramos dos carrís bicis anunciados; invaden todos eles o ámbito delimitado como territorio histórico do Camiño Primitivo, polo tanto, requiren un permiso que o goberno local xa debería ter solicitado, pois a Xunta ten a potestade legal de ordenar a suspensión de calquera intervención non autorizada nun ben de interese cultural, e polo tanto podería paralizar a totalidade dos proxectos europeos da EDUSI”, enumerou Portomeñe.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com