Ace-Eu tilda de “neglixencia” que o Goberno non renovase antes o contrato da Animación nos centros sociais

Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida lamenta que o goberno local non actuase ata despois do vencemento do contrato coa empresa concesionaria da animación sociocultural nos centros de convivencia municipal, ServiplusTotal, con respecto aos seus incumprimentos reiterados nas condicións laborais das monitoras e monitores.

Segundo denunciou o grupo de esquerdas, o único que fixo o goberno con respecto á “grave explotación” á que estaban a ser sometidas as traballadoras e traballadores por parte desta empresa foi abrir un expediente sancionador unha vez que caducou o contrato, “cando puido telo rescindido a finais do curso anterior, o pasado maio, e ter xa preparada unha nova licitación” para que o curso actual comezase unha nova adxudicataria.

Pola contra, o equipo de Lara Méndez “ignorou” ata agora os múltiples avisos trasladados por ACE-EU dende hai case un ano e as denuncias interpostas polos propios traballadores en Inspección de Traballo, que acaban de ser despedidos pola empresa sen preaviso o pasado venres 20 de xaneiro, cunha carta enviada o 18 de xaneiro dende a sede da empresa en A Coruña, quedando en situación de total indefensión ao atoparse de repente sen traballo e ingresos a metade de curso, época onde apenas se contrata novo persoal neste sector de actividade.

“Despois de levar dous anos con soldos ridículos e por debaixo do establecido no contrato (percibían só 4€/hora os auxiliares e 6€/hora os monitores), cobrando as nóminas con retraso e sen cobrar nin as vacacións nin as baixas laborais, a única solución aportada polo goberno foi provocar o despedimento do persoal por interrupción da actividade pola que foron contratados, xa que a única medida que tomaron foi prorrogar o servizo por 3 meses fóra de prazo” (o contrato vencía o 19 de outubro e non se formalizou en xunta de goberno ata finais de novembro), tempo durante o que supostamente ían realizar un novo concurso público que non foron quen de  no que non fóron quen de resolver.

ACE-EU preguntará no Pleno pola situación da plantilla e pola posibilidade da súa subrogación. Tamén esixirán que se establezan novas medidas para garantir a estabilidade e calidade laboral no vindeiro contrato e impedir que volva producirse unha situación similar.

“Pechado por incompetentes”

“Unha falta moi grave de xestión… outra máis”. Así é como a portavoz de Lugonovo cualifica que os usuarios dos centros de convivencia da cidade se vexan privados, dende esta semana, das actividades municipais nas que se inscribiron.

“Entre o serial da Policía, as eivas que padecen os bombeiros, a situación irregular na que se atopan medio cento de licitacións, o funcionamento do Concello empeora por momentos. A este paso a alcalesa non vai ter máis alternativa que pechar as portas e colgar un cartel de cerrado por incompetentes”, denuncia Cristina Pérez. A voceira da formación considera inxustificado que dende a área de Benestar non se tivera axilizado o expediente de contratación para garantir o desenvolvemento da prestación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo