" />

Ace-Eu urxe unha nova licitación dos servizos de animación dos centros sociais

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida (Ace-Eu) considera necesaria a convocatoria inmediata dun novo concurso público para a prestación integral da animación sociocultural nos centros sociais, debido aos “reiterados e graves incumprimentos de contrato” que a empresa adxudicataria do servizo, Serviplus Total, está a cometer.

O contrato da animación sociocultural vence xusto dentro dun mes, o vindeiro 19 de outubro, polo que ACE-EU solicita ao goberno que non prorrogue a anualidade a maiores contemplada no contrato e saque un novo concurso, xa que esta empresa en ningún momento respectou as súas obrigas legais e contractuais con respecto ás condicións laborais dos traballadores e traballadoras, a pesar de que o cumprimento estricto das condicións laborais está contemplado nas prescripcións desta contrata como “condicións especiais de execución”, polo que o goberno local xa podería ter rescindido este contrato hai tempo se quixese.

Segundo o establecido por contrato, os monitores deberían cobrar 7,5 euros á hora e os auxiliares 6,2 €/h, cantidades de por sí irrisorias, pero a empresa estálles a pagar 6 e 4 €/h respectivamente. “Estes soldos de miseria son inadmisibles, non podemos consentir que os servizos municipais sexan desempeñados por empresas esclavistas nin que o Concello de Lugo funcione como unha Empresa de Traballo Temporal. O goberno local perdeu a oportunidade de dar exemplo e mandar unha mensaxe contundente a quen pretenda enriquecerse con cartos públicos a costa da precarización e explotación laboral” afirma Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

ACE-EU ten constancia de varias denuncias interpostas en Inspección de Traballo por diferentes traballadores adscritos a este servizos municipal, así como de diversas queixas de suma gravidade, entre as que se atopan o incumprimento das subidas salariais anuais e outras melloras sociolaborais comprometidas na oferta pola que esta empresa gañou os concursos celebrados. Entre as neglixencias recurrentes atópanse o retraso esaxerado no ingreso mensual dos salarios chegando a acumular varios meses de impago nalgúns casos, o non pagamento dos salarios durante as baixas laborais de longa duración por enfermidades graves, a non entrega de copias de contrato e nóminas mensuais, os despedimentos debidos a baixas por enfermidade, o non abono das horas extras e dos períodos vacacionais, ou a realización de labores non contempladas na categoría profesional correspondente.

ACE-EU adverte tamén da existencia dun posible fraude con respecto ao suministro de material funxible e non funxible para a correcta impartición dos cursos, que tamén corre a cargo da empresa como obriga contractual e figura nas facturas mensuais cobradas ao Concello. “As monitoras e monitores queixánse de que son obrigados a aportar o material necesario para as clases do seu bolsillo, dende lenzos e pinturas ata aparatos musicais, polo que a empresa estaría facturando de xeito fraudulento por estes materiais”, explicou o concelleiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo