ACE porá en marcha un plan para frear a exclusión social de máis de 17.000 lucenses

O candidato de Alternativa Cidadá de Esquerdas á alcaldía de Lugo, Carlos Portomeñe, reuniuse con representantes da Rede Galega contra a Pobreza para traballar nunha estratexia activa que solvente a situación de necesidade que cada vez afecta a máis familias lucenses.

Para iso, Alternativa Cidadá de Esquerdas propón a posta en marcha dun Plan de Inclusión Social que loite contra o risco de exclusión no que se atopan xa 17.000 lucenses. Segundo Portomeñe, “trátase dunha emerxencia que non podemos ignorar e que hai que atallar antes de que empeore máis, pois segundo os datos do Instituto Galego de Estadística, case a metade das familias do Concello de Lugo, o 47,38% do total, chegan con dificultades a final de mes”.

Durante a xuntanza, o candidato de ACE LUGO asinou o documento da Rede Galega Contra a Pobreza titulado “Compromiso coas persoas”, unha declaración de 15 principios que se compromete a cumprir se os lucenses lle dan a oportunidade de gobernar . O escrito inclúe medidas como o aumento drástico da coordinación e colaboración para a loita contra a pobreza e a abordaxe da situación cun enfoque inclusivo, chegando así en 2016 a ter reducido nun 15% o total das persoas que se atopan en risco de exclusión en Lugo. Con arreglo a este compromiso, en 2016 ACE dedicaría un mínimo de 110€ por habitante ao ano á partida orzamentaria de actuacións de protección e promoción social.

Un 14 % das familias lucenses sofren importantes carencias materiais, como non poder comer peixe ou carne cada dous días, non poder manter a casa a unha temperatura axeitada, non ter capacidade para facer fronte a gastos imprevistos, atrasos no pagamento de gastos relacionados coa vivenda principal (aluguer, hipoteca, electricidade, gas, comunidade…).

Por esta razón, Carlos Portomeñe recalcou que “acabar coa situación de necesidade de moitos dos veciños e veciñas lucenses é unha prioridade de Alternativa Cidadá de Esquerdas.”

Neste contexto son os nenos e as nenas os que sofren as peores consecuencias. UNICEF ten alertado xa de que máis do 20% dos menores galegos viven por debaixo do umbral da pobreza en Galicia, dato que extrapolado a Lugo implicaría máis de 2.000 pequenos nesa lamentable situación. Para loitar contra dita lacra, ACE comprométese tamén a elaborar un programa específico contra a pobreza infantil.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com