" />

ACE pregunta polo proxecto Calella do Hospital e o PSOE esixe a Hemodinámica 24 horas

Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida, vén de rexistrar unha batería de preguntas sobre o proxecto de rehabilitación da Calella do Hospital e a Rúa Carril do Son para a súa resposta na vindeira Comisión de Contas, na que cada dous meses se informa sobre os avances na execución das obras enmarcadas no Plan URBAN.

Este proxecto, comezado en xuño de 2014, contaba cun prazo de execución de oito meses, pero os traballos continúan a día de hoxe, e o acceso ás rúas segue pechado por obras, dobrando o prazo de execución estipulado. Por este motivo, “ACE-EU quere coñecer o motivo polo cal o traballo non foi rematado en tempo, e a razón para “a sorprendente desaparición do cartel preceptivo que debe indicar a data de inicio e finalización das obras, aínda que a obra non foi inaugurada”, explicou Carlos Portomeñe, voceiro do grupo municipal.

ACE-EU preguntará ademáis polo tipo de financiamento da remodelación das fachadas de propiedades particulares afectadas polo proxecto de rehabilitación e conexión das dúas rúas, entre as que se atopa o convento das Agustinas Recoletas, para saber qué porcentaxe de cartos públicos foi destinada a acondicionamentos de uso privado; así como polos revestimentos e modificacións levados a cabo en todas as fachadas que dan ás rúas, para confirmar que cumpren os requerimentos do correspondente informe de patrimonio, “con especial atención á do convento, á vista dalgúns cambios chamativos, como a colocación de ventas brancas que semellan ser de aluminio ou PVC, xa que se trata dun edificio BIC (Ben de Interese Cultural) e a súa protección patrimonial é máis esixente”, apuntou Portomeñe.

Pola súa banda, o goberno municipal socialista esixirá no vindeiro Pleno, previsto para o 29 de outubro, que a Xunta de Galicia contemple nos Orzamentos autonómicos do 2016 “as reivindicacións históricas” da cidade, entre elas a dotación económica necesaria para implantar o servizo de Hemodinámica 24 horas no Hospital Universitario Lucus Augusti.

“As escusas para non facelo esgótanse”, subliñou a rexedora, quen lembrou neste senso que recentemente a Sociedade Española de Cardioloxía (SEC) recomendou que os hospitais que atendan a unha poboación de 300.000 habitantes ou máis –como é o caso do lucense- conten cunha unidade de Hemodinámica que funcione as 24 horas.

“O Presidente da Xunta ten a oportunidade de demostrar por fin nos orzamentos do 2016 o seu compromiso cos lucenses, algo que incomprensiblemente non fixo nestes sete anos de goberno”, afirmou a Alcaldesa, “nin tampouco onte no debate do estado da autonomía, no que nin sequera mencionou a dotación de Hemodinámica 24 horas”.

Núñez Feijóo reiterou no debate a previsión de que Radioterapia e Medicina Nuclear entrarán en funcionamento a finais de ano, “unhas dotacións que en calquera caso non pode atribuírse, pois se Lugo contará con estes servizos esenciais é grazas á presión e mobilización social”, asegurou a rexedora.

Asemade engadiu que o Presidente da Xunta “non avanzou medidas eficaces para atallar os problemas de Lugo, como o despoboamento ou o desemprego, nin acción algunha para impulsar os seus sectores punteiros, como o turismo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo